O Concello de Lalín informará das moitas vantaxes da nova plataforma de licitación electrónica

luns, 4 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Lalín vai organizar este xoves unha xornada de formación sobre a nova plataforma de licitación electrónica impulsada polo Goberno local. A cita, destinada sobre todo ás empresas, está prevista para as 19.00 horas na sala de prensa do consistorio, e será impartida pola empresa Vortal, provedora do devandito servizo, apoiada por persoal municipal do departamento de contratación.
A xornada foi presentada polo alcalde de Lalín e responsábel de Novas Tecnoloxías, Rafael Cuíña, e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, quen salientaron que se quere facer fincapé no gran obxectivo da plataforma devandita: facilitar e dar maior rapidez á realización de trámites en materia de contratación pública e, tamén, achegar máis a administración ao cidadán.
“A posta en marcha do servizo”, sinalan, “responde ao continuo traballo do Concello de Lalín de modernizar os procedementos de xestión interna e poder ofrecer sempre un servizo de calidade, eficaz e transparente, así como avanzar na Administración Electrónica”. Así mesmo, a iniciativa “xorde como unha necesidade de adaptación á lexislación actual que impón aos organismos de contratación a obriga de implementar o formato electrónico na contratación pública”.
O Concello de Lalín entende esta obriga legal como “unha oportunidade de cambio xeradora de beneficio” tanto para os provedores como para a propia administración xa que “se traduce nunha maior comodidade na tramitación”, poñendo en xogo vantaxes concretas como unha limitación no número de desprazamentos, un incremento da transparencia, unhas maiores concorrencia e participación do tecido empresarial, unha apertura de mercado e, tamén, a posibilidade de medrar ao permitir interactuar con entidades doutros ámbitos xeográficos.

PUBLICIDADE