O Concello de Lousame e a Fundación Amigos de Galicia achegan as TIC a unha vintena de persoas maiores
xoves, 4 de xullo do 2024
Unha vintena de persoas maiores de Lousame participa estes días nun curso gratuíto para aprender a manexar o teléfono móbil e os computadores con vistas adquirir coñecementos e recursos que lles permitan facer xestións a través de Internet. O curso, impartido na escola do Sanguiñal (Tállara), está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia.
“Trátase duns obradoiros eminentemente prácticos e sinxelos que teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das persoas maiores de Lousame para que así poidan levar a cabo as súas xestións de maneira autónoma tales como pedir unha cita médica ou coa administración, xestións que poden facer dende os seus móbiles sen ter necesidade de desprazárense”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo. Nestes momentos, os maiores de Lousame xa asistiron a tres das catro sesións das que consta o programa, que finalizará o vindeiro luns 8 de xullo, na unitaria do Sanguiñal cunha clase en horario de 10:00 a 12:30 horas.