O Concello de Lugo e Telefónica forman 11 mozas e mozos en protección TIC

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo e a operadora Telefónica están a formar en protección tecnolóxica (de información, de redes, de servidores, de equipamentos) a unha ducia de mozas e mozos da contorna. A actividade formativa presentou novamente os seus detalles, hoxe, con motivo dunha visita ao obradoiro da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da Fundación Telefónica, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. O curso desenvólvese no Edificio de Novas Tecnoloxías, emprazado en pleno casco vello da cidade.
Segundo explicaron, trátase dun curso presencial que ten como obxectivo que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, en palabras do Goberno local e a operadora “unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”. O obradoiro, amais, pon o foco no mercado, tendendo pontes entre a demanda real de empresas e o sistema educativo. Nun plano máis concreto abrangue adestramento teórico-práctico en cuestións como o hacking ético, as técnicas de proteccións para infraestruturas, as contramedidas...
O curso arrincou a finais de maio e ten lugar en xornada de mañá no Edificio de Novas Tecnoloxías até o 8 de novembro. Segundo engadiron o Concello a Telefónica, o interese da mocidade local por participar foi ben alto, xa que houbo 126 candidatas e canditatos para esta actividade en Lugo, a primeira destas características que desenvolve Telefónica en Galicia.
Arestora o alumnado está a preparar os proxectos grupais finais con empresas.
Con esta actividade, o Concello quere “crear sinerxías con Telefónica contra o desemprego xuvenil”, apostando “pola creación de emprego no municipio”. Asemade, constitúe un importante complemento e elemento dinamizador para o Edificio de Novas Tecnoloxías, que dentro da programación de Tecnoloxíza-T! para o último trimestre, ofrece 7 cursos e titorías tecnolóxicas.

PUBLICIDADE