O Concello de Lugo pecha mañá o prazo para inscribirnos no curso Aprende a ser Instagramer

xoves, 1 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo ampliou até mañá, dous de agosto, o prazo para inscribirnos no curso Aprende a ser Instagramer, que organiza o Goberno local (área de Novas Tecnoloxías) a través da iniciativa Tecnoloxíza-T. O curso, que se levará a cabo no Edificio de Novas Tecnoloxías emprazado en pleno casco antigo da cidade da Muralla, é cen por cen de balde e diríxese a mostrarnos as oportunidades, desafíos e modos de emprego de Instagram, a popular rede social de fotografía e vídeos, cada vez máis usada non só con fins creativos e comunicativos, senón tamén como instrumento de primeira orde para complementar un currículo e impulsar a nosa empregabilidade e os nosos contactos.
O horario do curso é de luns a venres de 11.00h a 13.00h, do 5 ó 9 de agosto. O número total de prazas é de 15, para menores de idades comprendidas entre 14 e 16 anos. O obradoiro está encamiñado a usuarios/as cun nivel informático medio.
Como dixemos, forma parte do programa Tecnoloxíza-T do Concello de Lugo, que foi presentado o pasado mes de maio pola concelleira Rosana Rielo e que vén constituído, este ano, por un total de 19 e obradoiros, con 225 prazas, a desenvolver na Aula do Castiñeiro e na de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías. O obxectivo: mellorar os coñecementos da cidadanía no eido das TIC e as súas múltiples e variadas vertentes.

PUBLICIDADE