O Concello de Marín xa tramitou preto de 80 de certificados dixitais

mércores, 26 de agosto do 2020 S. P.

O Concello de Marín vén de facer balance da súa actividade recente en Administración Electrónica (unha cuestión na que o Concello quere seguir envorcando importantes esforzos, “dada a necesidade de ofrecer ás veciñas e veciños ferramentas dixitais que lles permitan realizar con rapidez e con normalidade os seus trámites”), e máis concretamente da actividade da Oficina de Rexistro para a Expedición de Certificados Electrónicos de Persoa Física para a Cidadanía, creada ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP. Dende a posta en marcha deste mecanismo, xa son preto de 80 os certificados dixitais tramitados pola plataforma habilitada polo Concello.
Segundo informou o Goberno local, “con esta iniciativa trátase de dar todos os medios electrónicos necesarios para que os habitantes de Marín poidan realizar os trámites online, tanto na propia sede virtual do Concello coma no resto de portais das distintas administracións, como a AEAT (Axencia Tributaria) ou a Seguridade Social”.
Os requisitos para a expedición do certificado é ser maior de idade e estar empadroado en Marín, ou, polo menor, ter algún vencello laboral co municipio. O procedemento consiste en realizar unha solicitude na ligazón específica do Concello e logo concretar unha cita para verificar os datos do certificado do documento de identidade.
O Goberno local aproveitou o balance para facer un chamamento a empregar cada vez máis estas canles tecnolóxicas: “Hoxe máis ca nunca as esixencias da COVID19 obrígannos a realizar os trámites de xeito electrónico sempre que sexa posíbel, por iso esta Oficina será de gran utilidade para aquelas persoas que até o momento realizaban as súas xestións presencialmente e que agora precisan da expedición deste certificado para poder seguir realizando eses trámites, agora de xeito online”.
Ademais desta medida tomáronse análogas e de semellantes obxectivos, como por exemplo o acordo alcanzado entre a Seguridade Social e o Concello de Marín para cruzar os datos sobre o empadroamento para reducir os pasos para a presentación da solicitude do Ingreso Mínimo Vital.

PUBLICIDADE