O Concello de Narón promove o uso racional de dispositivos móbiles entre as novas xeracións

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello de Narón e a Asociación Ferrolana de Drogodependencias (ASFEDRO) levarán a cabo nos vindeiros meses unha nova iniciativa vencellada ao convenio que teñen asinado as dúas entidades e centrada en promover un uso racional e produtivo das novas tecnoloxías, concretamente dos dispositivos móbiles. Trátase da campaña Conecta coa vida, coordinada dende o Servizo Sociocomuntario de Narón e que presentaron no Concello o edil de Sanidade, Santiago Galego, a presidenta de ASFEDRO, Sari Alabau e Rebeca Graña, educadora social da citada asociación.
Segundo lembraron, Conecta coa vida é a fase final, á súa vez, dunha campaña de sensibilización do uso de dispositivos móbiles, que se levou a cabo baixo o lema Fóra de onda e na que participou alumnado de cuarto da ESO do CPR Jorge Juan. Galego recordou que un total de dezasete alumnas e alumnos implicáronse nesta iniciativa no propio centro escolar, cunha liña de actuación que xirou en torno a tres eixos: manexo de conceptos sobre tecnoadicións, organización e planificación do proceso creativo da campaña de sensibilización e produción, elaboración e presentación do deseño. Vibranxeti, Vamping, Phubbing, Nomofobia, Sexting e Hoax son os termos sobre os que se fai especial incidencia nesta campaña, na que se explica en que consisten e tamén que podemos facer para evitalos.
Este mesmo mes comezará a repartirse a cartelería da campaña Conecta coa vida. O uso do dispositivo cun enfoque preventivo nos centros de ensino de secundaria da cidade e nos locais de hostalería que habitualmente frecuentan en Narón as rapazas e rapaces tanto na zona urbana como na rural. Así mesmo, nestes establecementos tamén se entregarán pousavasos para sensibilizar ao colectivo nos lugares que frecuenta.

PUBLICIDADE