O Concello de Ponte Caldelas mellora a comunicación cos veciños mediante tecnoloxía viguesa

mércores, 30 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Para conectar a entidades públicas e privadas cos usuarios a compañía tecnolóxica viguesa TokApp achega solucións que agora están a aplicarse con éxito para comunicar varios concellos galegos cos seus veciños a través de smartphones, tabletas e ordenadores, substituíndo en moitos casos as mensaxes de texto no móbil.
Pontevedra e Soutomaior son un par dos concellos que xa conta coa ferramenta tecnolóxica de TokApp, e agora únese a estes Ponte Caldelas, concello que empregará esta solución para remitir comunicacións aos seus veciños, e salientando dende o consistorio municipal que esta tecnoloxía resulta moito máis axeitada que o SMS que teñen implantado, e que tiña un custo superior aos 2.000 euros/ano para mandar un máximo de 3 mensaxes curtas ao mes. Amais, as comunicacións a través da aplicacións de balde de TokApp carecen de límite de caracteres e poden incluír contidos multimedia (carteis, vídeos...).
Os veciños de Ponte Caldelas que queiran gozar desta nova canle de comunicación co seu Concello deben darse de alta nas oficinas municipais, tras o que poderán formar parte da rede de información accesible dende distintos dispositivos.
O alcalde, Andrés Díaz, salientou a importancia do servizo na súa sinxeleza, rapidez, versatilidade e mellora económica que representará para o Concello. En palabras do rexedor municipal, "Ponte Caldelas avanza cos tempos e temos que estar á altura da demanda de información e inmediatez que os cidadáns piden da súa administración. Deste xeito abondaremos na igualdade de oportunidades e no dereito á información que teñen todos e cada un dos nosos veciños. Imos rematar coa vella práctica de que só se enteraran tres ou catro amiguetes da convocatoria dos cursos, bandos, programas, contratacións, etc. Agora todo o mundo vai poder estar informado de todo á vez e case en tempo real”.
Pola banda de TokApp, o director xeral da empresa, Javier Romero, comenta que “os concellos poden solucionar os seus problemas de comunicación cos cidadáns cunha ferramenta doada de usar e cumprindo coa LOPD”, avanzando que non só pretenden implantar a súa tecnoloxía en máis cidades españolas, senón que incluso perseguen a súa internacionalización.

PUBLICIDADE