O Concello de Rianxo saca a licitación unha rede pública de accesos Wi-Fi, aberta e de balde

xoves, 27 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Rianxo comezou o ano xerando iniciativas para ceibar o termo municipal do meirande número de baleiros de cobertura dixital, o que se veñen chamando en termos tecnolóxicos e técnicos zonas brancas (onde non hai cobertura nin visos de habela a curto e medio prazo). Se os días pasados falamos da súa participación no programa da AMTEGA e a FEGAMP para posibilitar telecomunicacións móbiles de calidade nos puntos máis críticos (participación que incluíu unha enquisa directa coa veciñanza, que puido achegar as súas suxestións), este xoves 27 o Concello anunciou que vén de sacar a licitación do subministro de Internet sen fíos (Wi-Fi) para espazos públicos do Concello. Será un servizo de balde e aberto para a cidadanía.
O Goberno local explicou tamén que o servizo contará con máis de dez puntos de acceso e que a rede porá en xogo, canda menos, un punto de conexión por parroquia nos centros culturais, en prazas públicas e mesmo algunha das praias coas que conta o termo municipal, algunhas delas moi concorridas, como Tanxil, As Cunchas ou O Porrón. A previsión do Concello, que sinalou que unha vez adxudicado haberá un período de un mes para desenvolver os traballos, é ter os puntos de acceso cunha vertente máis turística (as praias por exemplo) operativos para o verán.
O servizo poderá ser despregado a través da participación do Concello de Rianxo nun programa europeo: foi seleccionado como beneficiario do proxecto WiFi4EU da Axencia Executiva de Innovación e Redes (INEA) da Comisión Europea. A iniciativa WiFi4EU promove o libre acceso da cidadanía a conexións Wi-Fi abertas e de balde en espazos públicos de municipios de toda Europa.
As bases
O prego de prescricións técnicas describe as condicións que rexerán a contratación do subministro do equipamento necesario para dar cobertura sen fíos ás zonas seleccionadas e a instalación e posta en funcionamento, así como os servizos de mantemento do equipamento e das conexións de datos durante o período de tres anos que contempla o acordo asinado coa Comisión Europea para facer efectiva a subvención. O Concello tamén explica que “posto que nesta licitación se inclúen tanto a instalación dos elementos Wi-Fi como as conexións á Internet, este último servizo pode ser dado a través de subcontrato ou unión temporal entre empresas”. A licitación farase por medios electrónicos na Plataforma de contratación do sector público.

PUBLICIDADE