O Concello de Vilagarcía demanda a unha conta en Instagram por suplantación de identidade

luns, 27 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Vilagarcía de Arousa anunciou estes días que vai presentar unha demanda por suplantación de identidade á conta de Instagram “vilagarciadearousa”, dende a que se están a recoller as informacións publicadas polo Concello nas súas contas oficiais. Isto, explica o Goberno local, provoca “confusión entre o público que pensa que os comentarios engadidos e as respostas que se dan son realmente realizados pola Administración local”.
A decisión de demandar xudicialmente a esta conta adóptase despois da negativa do usuario a atender a petición realizada en varias ocasións para que modificase o nome da conta ou lle engadise un apóstrofe para que non inducise a posíbel confusión.
Segundo informa o Goberno arousán, as prácticas de suplantación online da devandita conta de Instagram adquiren aínda máis gravidade ao terse usado, nesta canle, o logotipo oficial do Concello, o escudo oficial e máis un logotipo moi semellante ao da campaña municipal Son da Casa!.
“Moitos usuarios”, explica o Concello, “poden verse inducidos a trasladar preguntas, mandar fotos o facer comentarios a esa conta pensando que chegan á Administración local, cando realmente non é así, crendo un grave prexuízo tanto para o Concello como para os usuarios”.

PUBLICIDADE