O Dell Latitude 2100 busca introducirse nos contornos educativos

xoves, 21 de maio do 2009 Marcus Fernández

Nun momento no que a achega de ordenadores ultraportátiles para os estudantes españois de 5º de primaria está de plena actualidade resulta interesante botar un ollo ao Dell Latitude 2100, que é un ultraportátil de baixo custo que mide 26,5 x 18,7 x 2,25-3,99 centímetros, pesa 1,32 quilos, é doado de transportar (pode utilizar unha correa que lle permite levalo coma se fose un bolso), ten un acabado exterior de goma para mellorar a súa resistencia e está dispoñible en distintas cores moi vivas.
O equipo funciona cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, a súa configuración básica conta con 512 Mb de RAM (ampliables a 2 Gb), ten unha pantalla con retroiluminación LED de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.024 x 576 píxeles, disco duro de 160/250 Gb, batería de 3/6 celas, Gigabit Ethernet, Wi-Fi, 3 portos USB, saída VGA, lector de tarxetas de memoria, tomas para auriculares e micrófono e un prezo bastante reducido, pois parte de 279 euros.

JPEG - 75.3 KB
O Dell Latitude 2100 chega ao mercado en distintas cores

As opcións de ampliación son bastante razoables, pagándose 40 euros adicionais se queremos unha pantalla táctil, 10 euros por unha pantalla con webcam integrada, 20 euros por 1 Gb de RAM, 30 euros por Windows XP ou 30 euros por pasar dunha batería de 3 a outra de 6 celas.
O seu prezo e o seu formato, así coma o feito de que poidan gozar dunha pantalla táctil por un custo bastante reducido, fai que este equipo sexa unha interesante adquisición para contornos educativos, especialmente porque Dell está a preparar unha solución de administración que permita instalar actualizacións en calquera dos equipos conectados nunha rede local (facilitando o mantemento).

JPEG - 33.8 KB
O equipo é doado de transportar a xeito de bolso


Dell presenta as virtudes do seu ultraportátil para o ensino

PUBLICIDADE