O Doutor Who viaxará ás consolas de Sony

martes, 24 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Os seareiros da nova serie televisiva do Doutor Who estarán contentos ao saber que continúa a contar con videoxogos para distintas plataformas, que amplían ese universo de fantasía no que ten lugar a serie de ciencia ficción máis lonxeva da televisión, permitindo vivir as aventuras do Doutor máis de preto, e que con Doctor Who: The Eternity Clock levaremos a experiencia inicialmente á PlayStation 3 e á PS Vita o vindeiro mes de marzo (máis adiante chegará a ordenadores persoais).
O xogo métenos na pel do Doutor e de River Song, nunha aventura con momentos de acción e coa aparición dos principais inimigos do derradeiro Señor do Tempo, que non son outros que os Daleks, os Cybermen e o Silencio (aínda que tamén aparecerán outras criaturas coma os silurianos).
O xogo de Supermassive Games sorprende en boa medida por chegar para unha nova plataforma (lembremos que a PS Vita porase á venda en Europa o 22 de febreiro), aínda que ao tratarse dun título de desprazamento lateral non debería ter problemas para adaptarse a calquera das plataformas de videoxogos actuais e, aínda que só está anunciado para PS3, PS Vita e PC, non sería de estrañar que máis adiante contase con conversións a dispositivos móbiles (de feito, BBC Worldwide xa comercializa o xogo Doctor Who: The Mazes of Time para iOS).


Último trailer do novo xogo do Doutor Who

PUBLICIDADE