O Entroido de Verín estrea aplicación para Android

luns, 1 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar un achegamento ao Entroido de Verín dende smartphones e tabletas, chega a Google Play a aplicación Entroido Verín, que permite coñecer os eventos, desfiles de Entroido, orquestras, zonas de festa e grupos musicais que actuarán coa súa localización e horarios, ofrecendo tamén información acerca dos mesmos e incluso vídeos coas súas actuacións.
Dado que o Entroido é unha actividade moi social, esta nova ferramenta tamén facilita compartir fotografías e opinións do Entroido integrándose con Twitter, para o que fan uso do cancelo #entroidoVerin. Os contidos publicados con tal indicativo poderán verse no apartado social da aplicación, facendo así doado que calquera persoa poida contribuír a difundir o Entroido de Verín entre os usuarios da aplicación e co resto de usuarios de Twitter.
Esta aplicación é obra dun grupo de estudantes de Enxeñaría Informática na Universidade de Santiago de Compostela (formado por Armando Nogueira, Diego Reiriz e Denís Romasanta), que contaron co apoio do GDG Santiago, procurando así atenderá demanda de información sobre un dos principais entroidos galegos.

A aplicación conta cunha sección de axenda na que podemos ver as actividades que ocuparán o Entroido de Verín

PUBLICIDADE