O Festival Cultura Quente (o 11 e o 12 de xullo) refórzase na Rede

martes, 1 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Este ano o Festival Cultura Quente de Caldas de Reis (con concertos e acampada de balde, unha vez máis) semella que vén especialmente completo. O cartel de grupos (procedentes dos máis variados recantos do mundo), que xa podemos consultar na web do certame, así nolo suxire: Alex Gopher, Taraf de Haidouks, The Sunday Drivers, Niño y Pistola, Vive la Fête, Café Tacvba, Koacha, Hans Nieswandt, Deluxe, etc.
No que respecta á súa vertente máis dixital, o evento vén apoiado por unha serie de iniciativas en liña encamiñadas a informar do certame e, asemade, a fomentar a participación dos seareiros-internautas. Entre as propostas máis salientables atopamos unha canle de televisión web dende a que se están a achegar en liña todo tipo de contidos dirixidos a responder, de xeito divertido, á seguinte pregunta: por que estar no festival durante o 11 e 12 de xullo e non en calquera outro sitio?
Ademais disto, a face dixital de Cultura Quente complétase con foros onde se anima á comunidade redeira a deixar os seus comentarios sobre os grupos elixidos e por elixir e cunha canle en tempo real de novas onde os internautas tamén poden meter man. A web do evento, impulsado polo Concello de Caldas de Reis e organizado por La Fábrica de Chocolate, complétase con datos prácticos sobre como chegar á localidade pontevedresa ou cales van a ser horarios e os lugares elixidos para os concertos e as actividades en xeral.

PUBLICIDADE