O Foro Económico de Galicia salienta o noso potencial para afrontar os retos da dixitalización

venres, 2 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O Foro Económico de Galicia vén de presentar o documento Diagnóstico actual e propostas de futuro para a dixitalización en Galicia, asinado polo catedrático da Universidade de Vigo Domingo Docampo. A investigación, entre outras cousas, tenda dar resposta ás dúbidas relativas ao noso proceso de transformación tecnolóxica, un proceso que asumimos de maneira incompleta e que, sobre o papel, debera levarnos, co seu impulso, cara a todo tipo de melloras empresariais, sociais, científicas, culturais ou administrativas. A pregunta da que parte o informe: Estamos nun situación boa para afrontar os retos da dixitalización? Segundo se fai saber no estudo, a resposta é afirmativa.
O autor, a respecto do devandito, salienta que “Galicia semella non estar lonxe do lugar que lle corresponde, non hai ningún atranco debido á falta de infraestruturas que impida levar a cabo proxectos empresariais na sociedade dixital, e cada vez son máis os cidadáns, mesmo en vilas de moi pouca poboación, que van ter ao seu dispor infraestruturas de rede de primeiro nivel”.
O documento foi presentado esta quinta feira nas instalacións do Club Financeiro de Vigo polo seu autor e acompañado por Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia e tamén catedrático da Universidade de Vigo, e polo empresario Víctor del Canto, de Civisglobal. O obxectivo deste informe foi “analizar ese compoñente necesario da dixitalización que ten que ver coas oportunidades de acceso a infraestruturas modernas de telecomunicación, as que nos permiten como país xogar en pé de igualdade no contexto global, tanto a nivel individual como empresarial”. Con esta finalidade, Docampo achanda o terreo explicando como debera ser o proceso dixitalizador ideal, cunhas infraestruturas axeitadas (que as hai, sostén) para emprender proxectos innovadores, cunha cidadanía que dispoña de redes de primeiro nivel e cunhas administracións públicas que impulsen e favorezan estes cambios (que as hai tamén), comezando por si mesas. Docampo, ao fío disto, destaca que as entidades públicas galegas “están xogando un papel activo no acceso e na promoción dos usos de Internet”, compromiso ao que se suman o noso sector TIC, que “está desenvolvido”, e mailo noso tecido de investigación pública e privada. Porén, tamén é partidario de seguir xuntando esforzos: “O feito de que por fin se estea collendo o paso de Europa no mundo das TIC debería tomarse como unha excelente oportunidade para intensificar os esforzos público e privados na dirección indicada pola Unión Europea na súa estratexia para o mercado dixital único”, sublíñase no documento.
No eido da Administración Electrónica galega e con vistas a seguir avanzando no devandito, desde o Foro Económico de Galicia guíndanse propostas como a de “acelerar a mellora dos procesos e procedementos organizativos de xeito que se garanta a transición a unha eficaz administración dixital, na que os servizos públicos poidan ser prestados a través de Internet”. Tamén se propón “converter ao sector público nunha fonte de información contrastada e fiábel, que permita a empresas e cidadáns enfrontar con maiores garantías a toma de decisión na sociedade dixital”.
Polo que respecta ao sector TIC galego apúntase que “debe aspirar a converterse nun sector especializado coa intención de penetrar con máis eficacia nos mercados internacionais, apoiándose para ese desempeño en parcerías con sectores tradicionais nos que Galicia ten unha posición de referencia, como o téxtil, o naval ou o agroalimentario”.
Por último, no eido das infraestruturas, o documento recolle a proposta de que a Administración galega “redobre o compromiso co desafío de facer chegar a banda larga fixa a toda Galicia, de xeito que o despregue da fibra óptica previsto non sufra ningunha demora”.

PUBLICIDADE