O Galaxy Watch3 estrea versión de titanio

martes, 17 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O reloxo conectado con máis bazas para competir co Apple Watch é, sen dúbida, o Samsung Galaxy Watch3, que non só conta tamén con sensor de frecuencia cardíaca, seguimento de osíxeno en sangue e monitorización do sono, senón que tamén está pendente de recibir autorización para activar a función de electrocardiograma e a monitorización da presión arterial (prestacións xa dispoñibles en Corea do Sur), o que o convertería no smartwatch máis completo para o seguimento da saúde e o benestar, e para chegar a novos públicos estrea en España unha edición en titanio, fusionando luxo e durabilidade.
Esta revisión do Samsung Galaxy Watch3 ten as mesmas funcións, pero conta coa fabricación dun reloxo de alta gama, con materiais de primeira calidade e tamén un bisel xiratorio exclusivo, que inclúe unha correa de metal en cor Mystic Black que pode axustarse para distintos tamaños de pulso. Na súa versión Bluetooth cun ancho de 45 milímetros, o reloxo de titanio ten un prezo de 659 euros, o que supón un incremento de prezo de 200 euros fronte as versións ordinarias dun accesorio que non para de mellorar versión tras versión para atender a demanda de reloxos conectados que vaian máis aló dunha simple pulseira deportiva á vez que conserva a estética dun reloxo tradicional.

PUBLICIDADE