O Galicia Podcast Summit será itinerante tras o verán

mércores, 26 de xuño do 2024 Marcus Fernández

O centro de empresas Accede Papagaio da Coruña acolleu esta tarde a terceira e última edición desta tempada de Galicia Podcast Summit, encontro que busca dinamizar o mundo do podcasting na nosa comunidade autónoma, dándolle visibilidade, conectando a creadores e oíntes, e contribuíndo ao establecemento de conexións entre os distintos actores deste ámbito da creación que goza actualmente dun grande pulo.
A cita comezou cunha charla de Alba Carballal Muíños, quen a través de videoconferencia desde Italia explicou a súa actividade informativa en liña sobre Fórmula 1.
Carballal publica en prensa e plataformas sociais numerosos contidos sobre o deporte do motor, e tamén iniciou un podcast dispoñible en Spotify.
Nesta ocasión o encontro xirou ao redor da pregunta como vivir do podcasting?, temática abordada nunha mesa redonda na que os participantes explicaron os seus inicios nos podcasts, atopando distintos xeitos de tirar rendemento a esta actividade, xa sexa directa ou indirectamente.
O caso máis destacado foi o de Jorge Marín, todo un referente no mundo do podcasting en España, responsable do podcast Al otro lado del micrófono, que converteu o que inicialmente era unha afección na súa actividade principal ofrecendo os seus servizos de produción de podcasts, polo que é unha viva mostra de que é posible vivir do podcasting.
Nunha liña semellante está Jesús Pérez Santiago, responsable do podcast de entrevistas Comunicar, más que hablar, quen tamén ofrece servizos de consultoría, conseguindo así retorno económico da súa actividade.
Lucía Ortega Rodríguez, dos podcasts Emprendedores Antifrágiles e Lobas de Wall Street¸ é consultara de márketing dixital, polo que tamén desenvolve podcasts de xeito profesional, aínda que os podcasts nos que participa a título persoal son máis proxectos que contribúen a mellorar as súas oportunidades profesionais (o que supón un beneficio indirecto innegable).
Mariam Veiga, ten un podcast sobre venda de servizos profesionais, monetización de marca persoal e estratexia de contido, destacando no encontro coruñés que a súa actividade podcasteira busca principalmente reforzar a súa imaxe de autoridade, dun xeito semellante ao que moitos outros profesionais fan coa súa actividade en LinkedIn.
Quedou así bastante claro que aínda que vivir do podcasting ou simplemente sacar rendemento económico directo no mercado español é demasiado complicado, é posible a profesionalización ou, como mínimo, sacar rendemento indirecto ao esforzo de creación de contidos en formato sonoro.
Completou a sesión unha presentación da radio comunitaria CUAC FM, destacando o seu potencial como ferramenta para a creación de podcasts, de xeito que os que queiran introducirse no medio teñen unha plataforma ideal para dar os seus primeiros pasos acompañados por un grupo de entusiastas con experiencia e ilusión.
Ao remate do encontro, o seu condutor, Leo Menéndez, anunciou que Galicia Podcast Summit retomaría a súa actividade en setembro, adiantando que estaban a traballar para que as vindeiras edicións puidesen facer honra ao nome do evento (que non é A Coruña Podcast Summit) e así celebrarse en distintas localidades galegas ao longo dos vindeiros meses.

Dende CUAC FM aproveitaron a oportunidade para presentar a súa proposta de radio comunitaria como canle de creación de podcasts
Leo Menéndez anunciou que o Galicia Podcast Summit pretende xirar pola xeografía galega en futuras edicións