O Game Pass comeza novembro co Flight Simulator como prato principal

luns, 4 de novembro do 2024 Marcus Fernández

A primeira remesa de xogos que chegarán en novembro ao Game Pass será bastante variada, aínda que con poucos títulos importantes, sendo claramente os máis relevantes o Metal Slug Tactics (que dende o 5 de novembro estaría dispoñible para PC, consola e nube) e o Microsoft Flight Simulator 2024 (que a partir do 19 de novembro poderá xogarse en PC, Xbox Series X|S e nube), sendo especialmente interesante este último, por ser un simulador de grande éxito que grazas ao xogo en streaming pode agora experimentarse incluso en equipos con potencia limitada.
Outros xogos que chegarán serán Go Mecha Ball, Harold Halibut, The Rewinder e Turnip Boy Robs a Bank o vindeiro 6 de novembro e Goat Simulator Remastered o 7 de novembro.
Cómpre salientar que estas novas incorporacións son de pouco peso, en grande medida porque o Game Pass vén de recibir o Call of Duty: Black Ops 6 e incluso as versións para PC de StarCraft: Remastered e StarCraft II: Campaign Collection, polo que o lóxico é entender que os usuarios terán aínda moitas horas de xogo ocupadas antes de dar unha oportunidade a novos títulos no seu servizo de subscrición.