O Goberno destina case 550.000 euros para transformar tecnoloxicamente o Camiño do Mar de Arousa

xoves, 30 de decembro do 2021 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou este 29 de decembro o investimento do Goberno para a transformación do Camiño do Mar de Arousa e Río Ulla nun “destino turístico de referencia, sustentábel e competitivo”, apoiado en medidas de eficiencia enerxética e tecnoloxías dixitais. Segundo confirmou Miñones, acompañado da presidenta da Mancomunidade de Municipios do Salnés, Marta Giráldez, e a subdelegada do Goberno Maica Larriba, o investimento en cuestión será de 2.116.000 euros. Deles, case 550.000 reservaranse para iniciativas TIC.
A achega foi acordada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, dentro do Plan Nacional Turístico, e servirá para financiar o Plan de Sustentabilidade Turística neste destino que impulsa a Mancomunidade de Municipios do Salnés.
O delegado do Goberno felicitou aos promotores e promotoras do proxecto que servirá “para potenciar este Camiño tan singular que une mar, tradición e historia, e así situalo nun lugar prioritario na axenda turística internacional de Galicia e do Xacobeo”.
José Miñones apuntou que o Goberno de España apoia ao Xacobeo “como unha oportunidade estratéxica para transformar o noso turismo e o das nosas vilas e concellos, a medio e longo prazo” e faino a través de investimentos programados, como o da Mancomunidade do Salnés.
José Miñones explicou que a Mancomunidade do Salnés recibirá do Ministerio de Industria 2.116.000 euros divididos en tres anualidades, dos que 634.000 euros serán para o próximo ano 2022. O plan ten catro eixos principais: Transición verde e sustentábel (458.000 euros para humanizar e mellorar a accesibilidade nas rutas, a restauración ambiental da contorna e a instalación de puntos de recarga de bicicletas eléctricas), Mellora da eficiencia enerxética (430.000 euros para accións de renovación do alumeado público e instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos), Transición dixital (548.000 euros para elementos de turismo intelixente e dixital, para un sistema de contaxe de visitantes e para dotar de rede Wi-Fi a toda a contorna) e Competitividade (680.000 euros para crear nove miradoiros orientados ao Camiño do Mar de Arousa e Río Ulla; o financiamento dun buque escola e o desenvolvemento de “bautismos de mar” para iniciar aos visitantes na navegación a vela).

PUBLICIDADE