O Goberno galego concede 8 millóns para impulsar a transformación dixital de máis de 600 pemes

luns, 25 de xaneiro do 2021 Redacción

O Goberno galego vén de conceder novos apoios para acelerar a transformación tecnolóxica do noso comercio, un obxectivo de máxima urxencia tendo en conta as demandas cada vez maiores (derivadas da evolución natural dos tempos pero tamén das esixencias que pon en xogo a situación sanitaria actual) de marketplaces, mercadotecnia en liña, comercio electrónico e comunicación dixital. En concreto, estamos a falar de oito millóns de euros a distribuír a través de tres liñas de axudas. Prevese que destes apoios se beneficien máis de 600 pequenas e medianas empresas.
En concreto, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía destinan 3,7 millóns de euros para que 224 pemes e establecementos realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización de investimentos de 11,5 millóns. Co-financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), os apoios desta convocatoria cubrirán unha media do 32% dos gastos realizados polas empresas e comercios beneficiarios.
Entre as iniciativas impulsadas nesta convocatoria destacan a implementación de procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa posta en marcha, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas a nivel individual.
Por outra banda, a cuarta convocatoria das axudas a proxectos Industria 4.0 apoiará cunha achega total de catro millóns de euros sete novas iniciativas colectivas que permitirán, en palabras da Xunta, “seguir avanzando no desenvolvemento en Galicia da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía e mobilizarán investimentos por 13,4 millóns de euros”. Participarán 48 empresas coordinadas por cinco organismos intermedios de carácter sectorial.
Así, o Clúster da Automoción de Galicia (CEGA), o Clúster do Granito de Galicia, o Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME) liderarán os respectivos proxectos centrados na dixitalización dos procesos nos seus eidos industriais.
Os proxectos aprobados ao abeiro desta cuarta convocatoria sumaranse aos impulsados polas 128 empresas beneficiarias das tres edicións anteriores, que mobilizan 26,9 millóns de euros en investimentos altamente tecnolóxicos no eido da industria intelixente e conectada.
Estes apoios compleméntanse coa resolución das axudas por valor de 358.000 euros para 22 plans de difusión no ámbito da dixitalización nos que se prevé que participen 360 pemes. Organizados por clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos, os obradoiros apoiados están financiados ao 100% e incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos.
Os talleres abordarán aspectos como a transformación dixital e a aplicación das tecnoloxías 4.0 nos sectores loxístico, téxtil, a saúde, o turismo, a hostalería, o naval, a pedra natural e a educación, entre outros.

PUBLICIDADE