O Goberno galego xa repartiu case todos os computadores e conexións de balde para fogares vulnerábeis

xoves, 9 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A crise sanitaria derivada da pandemia COVID-19 agrava a fenda dixital, é dicir, o espazo que separa ás familias e empresas que teñen os recursos e a cobertura axeitada para vivir plenamente na sociedade conectada das que non dispoñen nin dos medios nin do servizo das operadoras. Co fin de mitigar estas situación, as administracións están a pór en marcha estes días medidas para evitar que a fenda se agrande e permitir que todas as familias poidan seguir coa actividade escolar a través da teledocencia. A Xunta atópase entre estas administracións. Este 9 de abril deu a coñecer que repartiu a práctica totalidade dos computadores e conexións a Internet que tiña programado distribuír entre as familias con menos recursos. O subministro de material desenvolveuse en menos dunha semana.
Foron uns 1.000 equipos informáticos con cadansúas conexións a Internet de balde para fogares con estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Os poucos computadores que ficaron por fornecer serán entregados á a volta das vacacións escolares de Semana Santa ante a petición dos propios centros.
Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o Estado de Alarma.
A través dos centros
Os portátiles lévanse ás familias a través dos centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta para pechar a entrega. Todos os centros públicos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional recibiron tres equipos con conectividade, que distribúen entre as familias atendendo á situación socioeconómica, dando prioridade ao alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a Internet.
Triplícase o uso das plataformas online
A dotación forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes a pasada semana dunha plataforma de videoconferencia que permitiu na primeira semana activa máis de 30.000 reunións virtuais, nas que participaron máis de 100.000 docentes e alumnos.
Ademais, desde o 30 de marzo os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida da que se poden beneficiar ata 95.000 rapaces.
O Goberno galego tamén lembra que as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. Ata o 4 de abril, último día lectivo, a app abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media diaria antes da crise, a semana pasada rexistrou máis de 80.000 usuarios diarios, chegando a máis de 217.000 o venres”, explican dende a axencia AMTEGA.

PUBLICIDADE