O HP TouchPad chegará a España despois do verán por 479 euros

xoves, 9 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O vindeiro 1 de xullo chegará aos EE.UU. o agardado HP TouchPad na súa versión Wi-Fi (o modelo con 3G chegará máis adiante) e en versións con 16 e 32 Gb de almacenamento interno, de xeito que o agardado tablet con webOS farase unha realidade, mentres que es España deberemos agardar a despois do verán, onde agárdamos que teña prezos de 479 e 579 euros respectivamente.
Tamén será posible adquirir o tablet co HP Touchstone Charging Dock (unha base de carga que facilita a colocación do tablet a xeito de marco de fotos), o HP TouchPad Wireless Keyboard (un teclado sen fíos) e o HP TouchPad Case (unha funda que tamén serve de soporte).
O HP TouchPad é un tablet con pantalla capacitiva de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, procesador de dobre núcleo Qualcomm Snapdragon APQ8060 a 1,2 GHz, cámara frontal de 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Blueooth 2.1, microUSB, batería de 6.300 mAh, unhas medidas de 240 x 190 x 13,7 milímetros e un peso de 740 gramos. Con estas características temos un digno rival do iPad 2, dispositivo do que se diferencia principalmente polo seu sistema operativo (desenvolvido inicialmente por Palm, compañía adquirida por HP).

PUBLICIDADE