O HTC One (M8) preséntase como unha simple evolución do seu predecesor

martes, 25 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Tras a boa recepción que tivera o HTC One, resultaba evidente que o fabricante taiwanés procuraría seguir na mesma liña cun novo modelo do que veñen rumoreándose moitos detalles durante os últimos días, aínda que a principal incógnita sería o nome que recibiría (pois manter un nome tan numérico podía resultar problemático) e finalmente temos aquí o HTC One (M8), unha revisión do anterior terminal que mantén a mesma liña estética e avanza lixeiramente nas súas prestacións dun xeito bastante continuista que evita riscos na liña do que habitualmente fai Samsung cos seus GALAXY S.
O HTC One (M8) volve ter unha carcasa dunha peza de metal, o que dálle un toque de calidade que parece a chave do éxito do seu predecesor, pero desta volta incrementa a súa pantalla Full HD ata as 5 polgadas e incorpora algo pouco habitual en móbiles sen batería extraíble: a posibilidade de ampliar a súa memoria interna mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb (curiosamente a súa capacidade interna redúcese, ofrecéndose só en capacidades de 16 e 32 Gb).

O novo smartphone sae hoxe á venda nos EE.UU. en 3 cores distintas

O novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, integra 4G, funciona con Android 4.4 coa nova capa HTC Sense 6, continúa a apostar polos 4 Ultrapíxeles na súa cámara traseira (pero enriquecéndoa mediante Duo Camera, tecnoloxía que pretende achegar boas imaxes e vídeos baixo todo tipo de iluminación mediante o uso dun sensor de profundidade), a súa cámara frontal mellora a súa resolución ata os 5 Mpíxeles (para facilitar a creación de auto-fotos de calidade), conta con dobre flash LED para mellorar as cores en condicións de pouca luz e a súa batería pasa a ser de 2.600 mAh (prometendo mellorar a autonomía ata un 40%, e incluso contando cun modo extremo de aforro de enerxía que permitiría operar cunha única carga durante 14 días nos que só se podería facer uso das funcións de teléfono e do e-mail). O seu grosor é de 9,35 milímetros e o seu peso de 160 gramos (de xeito que sería lixeiramente máis gordo e pesado que o primeiro modelo, en boa medida polo incremento no seu tamaño de pantalla e por outras melloras integradas).
Chegará a España a mediados de abril, e tamén será posible adquirir máis adiante unha edición Google Play deste terminal sen incorporar a capa gráfica HTC Sense.


Vídeo de presentación do HTC One (M8)