O IGAPE pon a Itelsis como exemplo a seguir en innovación, competitividade e exportacións

venres, 10 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Itelsis, empresa referencial galega no ámbito das tecnoloxías audiovisuais e de telecomunicacións (desenvolvedora de equipos e sistemas de radiodifusión avanzados), recibiu hoxe a visita do director do IGAPE, Juan Cividanes, nas súas instalacións de Santiago. A xuntanza serviu, entre outras cousas, para salientar a importancia de fortalecer dende todas as frontes o músculo innovador, competitivo e internacionalizador das nosas empresas, tres ámbitos nos que Itelsis foi quen de destacar dende os inicios da súa andaina. En termos máis concretos, Cividanes salientou o éxito da firma, que facturou o pasado ano 4,6 millóns de euros e emprega actualmente a 55 persoas, das cales o 30% dedícanse a labores de I+D+i.
Amais, o director do IGAPE puxo o foco nos importantes esforzos da empresa galega na procura continua de solucións innovadoras para as demandas de clientes a nivel mundial, na mellora da competitividade e no compromiso da empresa coa investigación. Cividantes tamén lembrou que Itelsis ten participado en varias convocatorias do programa Galicia Exporta da Consellería de Economía e que, a día de hoxe, está a conformar unha rede de soporte local nos cinco continentes conseguindo exportar tecnoloxía avanzada a países como Australia, Taiwan, Vietnam, México, Perú, Brasil, Marrocos, Dinamarca, Alemaña, Francia, Holanda e Portugal, entre outros.
Durante a visita Cividanes resaltou “a boa evolución de Itelsis da súa presenza exterior”, así como das empresas galegas deste ámbito produtivo. Neste punto, lembrou que as vendas de firmas TIC da nosa terra ao exterior incrementáronse nos dous primeiros meses do ano nun 24,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior e o volume de vendas acadou os 15 millóns de euros. “No mes de febreiro as exportacións do sector incrementáronse nun 79% con respecto ao mesmo mes de 2018”, engadiu.

PUBLICIDADE