O ITG impulsa a revolución tecnolóxica que acelerará a transición enerxética

mércores, 1 de decembro do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) acolleu este 1 de decembro a xornada Comunidades Enerxéticas Locais, que xirou ao redor de tres cuestións básicas: casos de éxito en Galicia en materia de produción renovábel intelixente e transición enerxética, ferramentas de financiamento e desafíos futuros da tecnoloxía. Segundo se fixo saber no seu transcurso, as comunidades enerxéticas locais son un elemento “clave” de futuro xa que favorecen o desenvolvemento da economía do territorio, crean emprego, fixan poboación, reducen o consumo enerxético e as emisións e aumentan a independencia enerxética.
A xornada, impulsada por ITG como centro tecnolóxico nacional de excelencia Cervera para impulsar a transición enerxética en España, contou a intervención do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, quen afirmou que “Galicia busca contribuír ao novo modelo enerxético a través da cooperación entre cidadanía, pemes e administracións”. Conde sinalou ademais que “en Galicia os proxectos locais son unha realidade que se está a materializar aos poucos, cos importantes recursos intelixentes que achegan centros de coñecemento como o Instituto Tecnolóxico de Galicia”.
Pola súa banda, Santiago Rodríguez Charlón, director da división de Enerxía de ITG, fixo un repaso polos retos futuros da tecnoloxía en España, sinalando que “o éxito das comunidades enerxéticas pasa sen dúbida polo avance tecnolóxico e os cambios regulamentarios”. Rodríguez Charlón apuntou que “o novo paradigma enerxético expón novas necesidades, como son, entre outras, a creación dun plan para a interconexión e integración na rede de microplantas de enerxía renovábel xestionadas por produtores non profesionalizados; ou o desenvolvemento de novos elementos activos na rede de distribución que garantan a estabilidade e xestión intelixente en áreas enerxeticamente bidireccionais”. Tamén destacou outros desafíos como o impulso de sistemas de xestión para prosumidores (consumidores que tamén producen) que permitan interoperatibilidade e a participación nos mercados de enerxía e servizos á rede, baixo plataformas software que regulen e coordinen a súa participación; ou mecanismos de control para a alta variabilidade nos fluxos de potencia, calidade de enerxía, conxestións de capacidade, etc..
Tamén lembrou que o ITG, a través do seu laboratorio de Smart Grids (redes eléctricas intelixentes), desenvolve a intelixencia tecnolóxica que permite ás comunidades enerxéticas locais ser parte activa e independente no modelo enerxético, “dando o necesario soporte á decisión de cando é mellor xerar a enerxía de forma local e renovábel, cando é mellor consumila ou cando é mellor almacenala ou compartila”.
Na xornada presentáronse, baixo a moderación de Eduardo Fontúrbel, xefe de Proxectos de Enerxía en ITG, algúns exemplos de proxectos locais de éxito que se están a desenvolver en Galicia, en moitos dos cales o ITG participa como socio tecnolóxico. Así, Miguel Fontela, director de Enerxía, GreenDeal & Sustainable Engineering de NTT Data, expuxo o caso da comunidade enerxética que se creou na estación de montaña de Manzaneda, Smart Grid Manzaneda, un proxecto innovador no que se implantou un mix de solucións enerxéticas que combina a xeración de enerxía fotovoltaica, os sistemas de carga de vehículo eléctrico, baterías de almacenamento eléctrico, incluída unha batería de segunda vida, almacenamento térmico mediante sistema de intercambio de fases e un district heating con biomasa. A contribución de ITG no proxecto consistiu na asistencia técnica e execución de todo o sistema de monitoraxe e adquisición de datos das instalacións técnicas, abranguendo desde o deseño da solución e a instalación de sistemas hardware de medida e comunicacións até a implantación da súa plataforma IoT Flythings, que xestiona todos os datos enerxéticos das instalacións e á súa vez dá servizo a aplicacións de terceiros.
Eduardo Blanco, xefe de departamento de Pesca e Xestión de Patrimonio da Autoridade Portuaria da Coruña, expuxo o proxecto Green Port, baixo o cal se está a xerar no porto exterior de Langosteira un hub enerxético para o impulso e o desenvolvemento de recursos renovábeis locais como son as enerxías eólicas mariñas on-shore e off-shore, sistemas de almacenamento, xeración fotovoltaica ou sistemas de produción de hidróxeno verde, todo iso para dar servizo aos operadores portuarios, buques e industria local. ITG participou no deseño da nova infraestrutura eléctrica requirida, no dimensionamento dos activos enerxéticos e na definición do sistema de xestión intelixente que permita a supervisión, operación e control intelixente dos fluxos enerxéticos e parámetros de operación da microrrede do porto.
Raquel Gallardo, xerente de Servizos Enerxéticos de Repsol/Ekiluz, comentou os diferentes modelos de negocio que ofrece a súa compañía de face a promover comunidades enerxéticas. Ekiluz é un novo modelo de xestión distribuída e renovábel que fomenta a participación cidadá a través de cooperativas enerxéticas sen ánimo de lucro, achegando para iso a súa experiencia e daquelas ferramentas necesarias para a posta en marcha destes proxectos en colaboración coa administración local e autonómica, nos que a partir da construción de plantas solares fotovoltaicas no chan, ao redor de 400-500 cooperativistas obteñen un aforro directo na súa factura eléctrica.

PUBLICIDADE