O ITG incrementará o seu persoal con 5 novas incorporacións no primeiro semestre de 2021

luns, 19 de abril do 2021 S. P.

O centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) vén de anunciar un incremento do seu persoal durante o primeiro semestre de 2021. Farao a través de cinco novos procesos de selección que poden ser consultados na súa web e redes sociais. O novo persoal integrarase nos equipos de traballo multidisciplinares que están a desenvolver solucións específicas para a industria e en investigacións a nivel europeo nas que o centro ten, segundo indica, “un alto nivel de participación”.
Para entrar a formar parte do equipo que traballa no deseño e xestión de redes eléctricas intelixentes, ITG busca especialistas en redes eléctricas intelixentes (smart grids) “cun amplo coñecemento do mercado eléctrico e de procedementos de operación e normativa”.
Así mesmo, coa misión de participar nas solucións de mercado que desenvolve o centro neste ámbito, seleccionará profesionais en eficiencia enerxética con experiencia en transferencia de I+D ao mercado.
Amais, para liderar o lanzamento a mercados internacionais da súa plataforma DroneSuite, orientada a facilitar a actividade diaria das empresas operadoras de drons, ITG busca “unha persoa responsábel do desenvolvemento de negocio con ampla experiencia”. A meta é crear unha solución tecnolóxica que “anticipa o inminente escenario de alta densidade de voos que habilitará o novo regulamento europeo”.
ITG selecciona tamén especialistas en proxectos europeos para coordinar a participación da entidade en programas nacionais e europeos de I+D+i nos eidos da Industria 4.0, os drons do futuro, o medio ambiente e as cidades sustentábeis.
Por último, para o desenvolvemento e mantemento de diferentes soluciones web, ITG busca persoas especializadas en programación full stack, como se coñece este perfil no sector informático, para desenvolver a estratexia axeitada para cada parte do proceso de desenvolvemento web.
Todas as ofertas de emprego pódense consultar na web do ITG.

PUBLICIDADE