O ITG pon en marcha a súa Oficina Acelera PEME cun ciclo de 8 seminarios en liña

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), en colaboración con Red.es, vén de activar a súa Oficina Acelera PEME, que se suma á posta en marcha (estes días) da iniciativa “irmá” da Asociación Ineo para a contorna do sur de Galicia. Unha vez máis, o obxectivo será “facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas un servizo integral e gratuíto que lles permita acelerar a súa transformación dixital”. A actividade da oficina do ITG iniciarase cun ciclo de oito sesións formativas en liña, con formato de webinars, nas que se mostrarán de xeito práctico diferentes procesos de dixitalización levados a cabo en empresas galegas por provedores tamén galegos.
Segundo fai saber Marco Dalla, responsábel da Oficina Acelera PEME do ITG, “queremos amosar que a dixitalización e a mellora da competitividade están ao alcance de calquera empresa con exemplos próximos e prácticos”.
A primeira das sesións centrarase na Internet of Things (IoT) como ferramenta de produtividade na Industria (mañá, 23 de setembro), ao que seguirá unha cita coas claves para situar a web de forma efectiva (día 28) e outra sobre as axudas públicas existen para levar a cabo proxectos de dixitalización na empresa (día 28).
O programa completo está dispoñíbel na web do proxecto, que inclúe tamén sesións que abordan o concepto, os riscos e os factores clave de activar tecnoloxías como a Intelixencia Artificial (IA); Sistemas de Xestión Empresarial (ERP); tendas web e comercio electrónico; a dixitalización de postos de traballo; ou os factores básicos para unha axeitada seguridade dixital na empresa.

55 plans personalizados de transformación

Ademais do asesoramento ás empresas no seu proceso de transformación dixital, a Oficina do ITG ten como obxectivo axudar a 55 pemes galegas a enfocar de maneira axeitada a súa estratexia tecnolóxica. Para cada unha delas, tras identificar o seu nivel de madureza tecnolóxica, realizarase un plan personalizado de transformación nas distintas fases do seu proceso de negocio: compras, vendas, finanzas, produción ou loxística, por exemplo.
“Estamos a perfilar os últimos detalles co panel de expertos en cada tecnoloxía e teremos todo listo nas vindeiras semanas”, engadiu Marco Dalla, lanzando un convite as empresas interesadas nestes diagnósticos e follas de ruta para “facernos chegar o seu interese”. Segundo indicou, a nova oficina vén reforzar o compromiso de ITG coa transferencia de coñecemento á sociedade, en xeral, e ao mundo empresarial, en particular.

Programa formativo gratuíto

Entre os meses de setembro e de outubro hai programados 8 webinars formativos aos que as pemes interesadas pódense inscribir de forma gratuíta a través do formulario dispoñíbel na web do proxecto.
Setembro:
-Xoves 23, 10h. IoT como ferramenta de produtividade na industria: concepto e casos de estudo
-Martes 28, 10h. Posicionamento web efectivo en buscadores
-Martes 28, 11.30h. Axudas públicas dispoñíbeis para a dixitalización
Outubro:
-Martes 5, 10h. Intelixencia artificial en pemes: conceptos e casos éxito
-Martes 5, 11.30h. Seguridade dixital en pemes: riscos e factores clave
-Martes 26, 10h. Sistemas de xestión empresarial (ERP): factores clave
-Martes 26, 11.30h. Dixitalización de postos de traballo: o teletraballo efectivo
-Mércores, 27, 10:00h. Tendas online: riscos e claves para polas en marcha.

PUBLICIDADE