O IV Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento distingue o proxecto Talentos Inclusivos (CITIC)

martes, 16 de xuño do 2026 S. P.

Premio a Talentos Inclusivos

A Sala Agustín Magán do compostelán Centro Sociocultural de Santa Marta acolleu hoxe a gala de entrega de galardóns do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.
Un acto que abriu a subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Eugenia Paz Costoya, quen destacou a importancia do premio (que conta co respaldo e o financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia) e o seu “significado especial, xa que incide na xustiza global e na responsabilidade compartida”, ao tempo que constitúe, segundo explicou, “unha ferramenta moi útil e capaz de xerar sinerxías entre profesorado, centros e entidades”.
Pola súa banda, a directora da Coordinadora Galega de ONGD, Sara García Mato, cualificou o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global como un éxito colectivo, no sentido de que “suma catro edicións e case oitenta proxectos presentados, todos de gran calidade, o que indica a cantidade de persoas implicadas na educación transformadora e na construción dun mundo máis xusto”.
Segundo sinalaron dende a organización destes recoñecementos, a calidade das vinte propostas presentadas a esta cuarta edición dificultou o labor do xurado (composto por seis profesionais da cooperación, o ensino e a educación para a cidadanía global) que finalmente acordou distinguir os proxectos Non sempre se nace onde se pace na categoría A (Infantil e Primaria), desenvolvido conxuntamente polo CEIP A Canosa-Rus (Coristanco) e o CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo); Cultivando conciencias, colleitando futuros na categoría B (ESO,, Bacharelato e Formación Profesional), do IES Plurilingüe de Valga, e Talentos Inclusivos na categoría C (ensino universitario), do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
O acto celebrado esta mañá tivo como protagonistas a profesorado e alumnado galardoados, que puideron compartir en primeira persoa os contidos, procesos e obxectivos das súas propostas.
O proxecto intercentros Non sempre se nace onde se pace pon o foco, entre outras cuestións, na cultura da solidariedade e a cooperación dende unha perspectiva intercultural a través da historia ficticia de Maruxa e Coralia, dúas mulleres migrantes que chegan a Galicia dende América e sobre a que se artellan diversas actividades. Nelas participaron de xeito coordinado alumnado de Infantil e Primaria dos colexios públicos A Canosa-Rus de Coristanco e Xesús San Luís Romero de Carballo, ambos na provincia da Coruña.
Tamén sobre a interculturalidade e as aprendizaxes compartidas pivota o proxecto Cultivando conciencias, colleitando futuros, no que alumnado do Ciclo Básico de Agroxardinería e Composición Floral e do Ciclo Medio de Xardinería e Florería do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra) desenvolveu un proxecto inspirado nos xardíns circulares Tolou Keur de Senegal, adaptando esta idea ao contexto galego e promovendo a biodiversidade e prácticas sostibles. Contando no proceso coa participación da comunidade senegalesa da localidade.
Pola súa parte, o proxecto innovador e solidario Talentos Inclusivos achega a ciencia e a tecnoloxía dende o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña a alumnado non universitario. O obxectivo desta proposta é espertar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) e desenvolver competencias dixitais con impacto social a partir de retos reais, facilitados por persoal e usuarias de asociacións como ASPACE Coruña, entre outras.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións tecnolóxicas entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
De Galicia a Guatemala para coñecer a cooperación ao desenvolvemento
Ademais de diplomas para alumnado e profesorado e un distintivo para os centros deseñado polo obradoiro de xoiería Silvereira, o Premio ofrece por segundo ano unha viaxe a proxectos de cooperación internacional en Guatemala a dous profesores/as de cada proxecto gañador.
Deste xeito, seis docentes poderán coñecer de primeira man este verán o traballo da cooperación galega nun país do Sur Global seguindo a experiencia da anterior edición, na que viaxaron ao país centroamericano profesoras da Facultade de Educación da Universidade da Coruña, do IES O Couto (Ourense) -en substitución do primeiro premio na súa categoría, o IES Luís Seoane (Pontevedra)- e do CEIP López Ferreiro (Compostela).
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global conta co respaldo e co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Nas súas catro edicións recibiu un total de 77 propostas de educación para a transformación social.