O #LAIC móstranos este mes como darlle a volta ás mensaxes de odio na Rede

luns, 17 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O laboratorio coruñés #LAIC vai adicar este mes de febreiro ás posibilidades das narrativas innovadoras para avanzar en utilidade social e combater o discurso de odio na Rede, mensaxes discriminatorias ou novas falsas. “En definitiva, tentaranse fomentar este mes estratexias e ferramentas que nos axuden a crear unha paisaxe de maior respecto en Internet”, explican dende Coruña Dixital, responsábel do laboratorio, que vén en febreiro cunha sesión “formativa e moi práctica”, da man da Fundación porCausa, conformada por importantes profesionais da comunicación.
A actividade, prevista para este 28 de febreiro, está dirixida a calquera persoa con interese en loitar contra os discursos negativos e de odio ligados aos éxodos humanos e, dun modo especial, “para a xente do xornalismo, da comunicación e para quen estea involucrada profesionalmente ou como activista en temas de migración”.
Baixo o nome de #Migratón, o plan da activade inclúe o fornecemento de ferramentas para darmos unha viraxe ao relato negativo, “traballando desde o creativo e xerando novos marcos narrativos”. A inscrición nesta actividade (venres 28 de febreiro, 16:00-20:00) está aberta e xa podemos achegar os nosos datos online.
O #Migratón súmase ao Laboratorio de Ciberactivismo e Innovación Narrativa contra o discurso de odio na Rede, que a ONG coruñesa Ecos do Sur desenvolve, a través das profesionais do seu programa Ciberespect, todos os martes deste mes no centro Ágora.

PUBLICIDADE