O LG G3 incluirá unhas lentes de baixo custo para poder gozar da realidade virtual

luns, 9 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Mentres Samsung comercializada as Gear VR, un sistema de lentes de realidade virtual que aproveita un teléfono GALAXY Note 4 como pantalla para conseguir ter un prezo máis asumible ao das Oculus Rift (solución de referencia nos últimos anos) dende LG preferiron optar por unha solución máis básica, cun prezo máis axustado, que pode lembrarnos ao Google Cardboard, agás que en vez de estar construído en cartón e precisar dun proceso de montaxe por parte do usuario, está construído integramente en plástico. Falamos de VR for G3, e como vén indica o seu nome, estaría dirixido a funcionar con smartphones LG G3 e, en vez de empregar software de Oculus como a solución de Samsung, optaría polo software para Google Cardboard (para o que hai bastantes aplicacións en Google Play).
Este tipo de accesorio busca permitir un achegamento á realidade virtual dun xeito moi económico, xa que os sensores de movemento e a pantalla son os propios elementos incluídos nun móbil, de xeito que o VR for G3 limítase a dividir a pantalla en dúas partes (unha para cada ollo) e incluír uns lentes que permiten que unhas zonas da pantalla poidan ocupar o noso campo visual, creando unha experiencia de visión estereoscópica que reacciona á nosa posición, de xeito que podemos xirar ao noso redor vendo como os contidos cambian segundo cara a onde dirixamos a mirada.
Dende LG tamén apuntan a que a experiencia de uso das VR for G3 pode mellorarse empregando auriculares Bluetooth. Amais, este accesorio terá un atractivo moi especial, que é o feito de que será de balde para os que merquen un novo LG G3.

JPEG - 96 KB
As Google Cardboard están feitas de cartón e o usuario debe montalas para poder empregalas
JPEG - 77.9 KB
A solución de LG non precisa de máis montaxe que colocar o smartphone no interior do accesorio

PUBLICIDADE