O LG X cam e LG X screen verán a luz no Mobile World Congress

luns, 15 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

LG anunciou hoxe que vai levar ao Mobile World Congress de Barcelona os seus novos smartphones da familia X, que buscan facerse un oco no mercado da gama media ofrecendo algunhas prestacións propias da alta gama como reclamo.
O LG X cam é un smartphone realmente rechamante, por contar cunha cámara traseira dobre de 13 e 5 Mpíxeles (a cámara frontal tampouco quedaría curta con 8 Mpíxeles) e ter un grosor de entre 5,2 e 6,9 milímetros e cun peso de 118 gramos, de xeito que sería un terminal moi confortable na man.
Este terminal conta cunha pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador de oito núcleos a 1,14 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de ROM, batería de 2.520 mAh e carcasa dispoñible en varias cores (prata, brnco, ouro e ouro rosa).
O outro modelo que completaría a familia sería o LG X screen, que contaría cunha pantalla secundaria sempre acendida na liña do impresionante V10, pero cun prezo moito máis baixo. Esta pantalla secundaria de 1,76 polgadas permite acceder ás aplicacións máis usadas, responder chamadas sen interromper a actividade actual ou simplemente controlar a reprodución musical. Tamén pode empregarse para consultar a hora, a data, a batería...
Este móbil sería bastante máis modesto que o anterior, cunha pantalla HD de 4,93 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de ROM, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, batería de 2.300 mAh, un grosor de 7,1 milímetros e carcasa dispoñible en tres variantes (negro, branco e ouro rosa).

PUBLICIDADE