O MacBook Air faise máis portátil

mércores, 20 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O MacBook Air sempre destacou por ser un equipo lixeiro e compacto, converténdose no máis semellante a un ultraportátil que tiña Apple no seu catálogo, e agora renóvase para avanzar na mesma dirección, de xeito que agora, aparte dun modelo con pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.440 x 900 píxeles temos agora un con pantalla de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, que mide 0,3-1,7 x 29,95 x 19,2 centímetros e pesa 1,06 quilos, de xeito que incluso sería máis lixeiro que boa parte dos ultraportátiles que actualmente hai no mercado.
Entre as grandes novidades dos novos MacBook Air estaría a eliminación do disco duro a favor dun almacenamento baseado en memoria Flash (aínda que non en forma de unidades SSD como é habitual noutros equipamentos informáticos, senón que coma memorias NAND), a incorporación dun segundo porto USB 2.0 e tamén o prezo, que parte agora de 999 euros.
O modelo máis básico, co prezo mencionado, sería o MacBook Air con pantalla de 11,6 polgadas, procesador Intel Core 2 Duo a 1,4 GHz, 2 Gb de memoria, 64 Gb de almacenamento, tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 320M e ata 5 horas de autonomía, que sube a 1.149 euros se optamos por un almacenamento de 128 Gb. O modelo de 13,3 polgadas parte cun procesador Intel Core 2 Duo a 1,86 GHz, 2 Gb de memoria, 128 Gb de almacenamento, tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 320M, ata 7 horas de autonomía e un prezo de 1.299 euros, que subiría aos 1.599 euros de optarmos por 256 Gb de almacenamento.

PUBLICIDADE