O Messenger estrea aplicación de escritorio para potenciar a videoconferencia dende o ordenador

xoves, 2 de abril do 2020 Marcus Fernández

Ante a elevada demanda que están a ter as videoconferencias en grupo durante a pandemia dende Facebook decidiron estrear a aplicación de Messenger para Windows e macOS, de xeito que no ordenador podemos realizar comunicacións de vídeo dun xeito semellante a como xa se fai dende smartphones e tabletas, facendo máis accesible esta tecnoloxía e aproveitando o grande volume de usuarios que ten actualmente Facebook (mentres que plataformas alternativas precisan en moitos casos de rexistro para o seu uso).
A nova aplicación permite chamadas grupais en vídeo nunha pantalla máis grande, fai máis doado conectar (non é preciso saber o enderezo de correo electrónico ou o número de teléfono dos nosos amigos de Facebook), soporta multitarefa (podemos empregar a aplicación mentres facemos outra cousa no ordenador), incorpora notificacións (para recibir avisos de novas mensaxes), as conversas sincronízanse entre móbil e escritorio e incorpora as principais características de Messenger (incluíndo o modo escuro e o uso de imaxes GIF).
A nova aplicación de Messenger pode descargarse a través da tenda de aplicacións de Windows 10 ou da Mac App Store completamente de balde.

PUBLICIDADE