O Mobile World Congress mantén a súa intención de celebrarse presencialmente

luns, 8 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Dende hai varias semanas vénse falando da intención da GSMA de celebrar presencialmente o Mobile World Congress de Barcelona a partir do 28 de xuño e, pese ás moitas dúbidas sobre a situación sanitaria o vindeiro verán, insisten en querer recibir entre 45.000 e 50.000 visitantes, aínda que esixindo probas negativas de coronavirus para poder acceder ao evento.
A organización do evento informou de que teñen preparado un plan de saúde e seguridade, que conta co aval das autoridades sanitarias catalás, para facer posible a celebración do MWC 2021 e garantir que se desenvolva sen riscos de contaxio.
Queda así previsto que entre o 28 de xuño e o 1 de xullo cheguen a xuntarse até 50.000 persoas no recinto feiral de Gran Vía de L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), tendo que acudir os asistente con máscara e seguir outros protocolos de seguridade, como distancia, hixiene de mans e tomas de temperatura.

PUBLICIDADE