O Museo da Catedral de Santiago entra na segunda fase do proceso de dixitalización dos seus tesouros

xoves, 2 de abril do 2020 S. P.

O Museo da Catedral de Santiago continúa a traballar nun ambicioso proxecto que ampliará o coñecemento que temos do rico patrimonio que acubilla, ao tempo que contribuirá a poñer a Santiago no mundo e axudará á preservación das importantes riquezas do templo compostelán. Estamos a falar do proceso de dixitalización das pezas artísticas do Museo, que comezou hai uns meses (tal e como fixemos saber en novembro dende Código Cero) e que vén de entrar nunha segunda fase, completándose as modelaxes tridimensionais e catalogando o material resultante antes do seu envorcado na Rede.
Trátase dun traballo desenvolvido pola Fundación Catedral de Santiago, enmarcado no proxecto O Teu Xacobeo, que promove a Xunta de Galicia.
Nestes momentos, segundo informou o Museo, o proceso “entra nunha segunda fase”, unha vez que xa se dixitalizaron varios relicarios e os sepulcros do Panteón Real. Tamén se traballou con esculturas situadas noutros ámbitos da basílica, como as esculturas situadas no exterior da Porta Santa. Un avance dos resultados pode verse xa en Vimeo, nun vídeo explicativo e divulgativo.
En total fotografáronse e escaneáronse 75 elementos, o que permitirá, segundo informaron fontes do Museo, “crear unha base de datos documental, de gran importancia para a conservación e a difusión do patrimonio xacobeo da Catedral”.
Todo este material quedará a disposición do público nunha web na que se poderá navegar por diferentes apartados: a Catedral Románica, o Mestre Mateo, o espazo sacro do Tesouro-Capela de Reliquias, o Panteón Real, etc.
Ademais, habilitaranse dispositivos físicos no percorrido de visita ao espazo expositivo, para “poder visualizar os modelos tridimensionais dalgunhas destas pezas”.
Desde o Museo da Catedral sinálase que “se se segue a traballar durante esta tempada de crise sanitaria en que o Museo debe ficar pechado ao público, poñendo o foco nestes ámbitos da investigación, conservación e difusión das súas coleccións”. Porén, malia adversidade derivada da pandemia, lembran que a tecnoloxía abre “importantes eidos de comunicación con visitantes virtuais, que poden acceder a distintos materiais e información sobre as coleccións e actividades do Museo”.

PUBLICIDADE