O Nokia 3210 volve ao mercado con conectividade 4G
xoves, 9 de maio do 2024
Aínda que os smartphones sexan os principais teléfonos móbiles, continúa a haber un mercado de teléfonos básicos que aproveitan fabricantes como HMD, que actualmente controla a marca Nokia para o seu uso en móbiles, de aí que leve anos aproveitando a sona do selo para recuperar móbiles como o Nokia 3310 ou do Nokia 8110 (que incluso permitía o uso de WhatsApp) e agora volven xogar a baza da nostalxia recuperando o Nokia 3210.
O novo Nokia 3210 chega ao mercado a un prezo de 79,99 euros (algo que pode parecer esaxerado, especialmente se temos en conta que o mesmo fabricante ten móbiles semellantes por preto de 50 euros), ofrecendo a mesma estética do clásico de Nokia (e incluíndo o clásico xogo Snake precargado), pero contando con conectividade 4G e Bluetooth e pantalla en cor.
O teléfono conta con algunha característica que podemos considerar ridícula, como unha cámara de 2 Mpíxeles, aínda que como punto forte ten que a súa batería de 1.450 mAh pode garantir unha autonomía de varios días, algo difícil de conseguir cun smartphone.
En calquera caso, os argumentos para defender comercialmente este tipo de teléfonos son bastante febles, considerando que son produtos que contribúen a unha suposta desintoxicación dixital, cando na práctica estamos ante produtos demasiado básicos, que nun contorno real non cumpren coa súa función máis básica xa que actualmente as comunicacións persoas a través do móbiles realízanse principalmente a través de aplicacións como WhatsApp, e non a través de chamadas de voz tradicionais e mensaxes de texto. Temos así que os móbiles básicos, pese a actualizarse á 4G para non contar con problemas de cobertura no futuro, coas súas limitacións non poden lucir dignamente o vello lema de Nokia: Connecting People.