O Nokia 9 PureView terá 5 cámaras traseiras

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A nova teima dos fabricantes de smartphones de incluír numerosas cámaras na súa parte traseira chegará a un novo nivel co Nokia 9 PureView, do que veñen de filtrarse non só imaxes detalladas, senón tamén boa parte das súas especificacións a través do seu vídeo promocional.
Temos así que este teléfono con 5 cámaras traseiras funcionará cun Qualcomm Snapdragon 845, contará con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, lucirá unha pantalla 2K de 5,99 polgadas con HDR10 e lector de pegadas integrado, soportará carga sen fíos e conta coa garantía de correr con Android One, prometendo actualizacións rápidas ás vindeiras versións de Android.
No que á cámara traseira quíntupla se refire, sabemos que emprega óptica ZEISS e que no momento do disparo funcionarán todos os obxectivos a un tempo, co que contará cunha grande versatilidade, recollendo 10 veces máis luz que outras cámaras de móbiles, contando coa posibilidade de realizar o desenfoque selectivo a posteriori e ofrecendo ao usuario almacenamento ilimitado en Google Photos.
Semella que este teléfono verá a luz este mesmo mes, de xeito que HMD Global non agardaría á celebración do Mobile World Congress de Barcelona para amosar o seu novo teléfono insignia.

Vídeo promocional filtrado do Nokia 9 PureView

PUBLICIDADE