O Nokia Asha 210 convértese no primeiro móbil en incorporar un botón específico para WhatsApp

mércores, 24 de abril do 2013 Marcus Fernández

Aínda que moitos usuarios aseguraban frecuentemente que só precisaban dun móbil para chamar, a popularización das redes sociais e de servizos como WhatsApp fai que cada vez os usuarios busquen algo máis dos seus terminais, e para mercados emerxentes e usuarios que non queren facer un grande desenvolvemento económico Nokia ten a súa familia Asha, que vén de incorporar ao seu integrante máis ambicioso: o Nokia Asha 210. Este novo móbil chegará ao mercado durante o segundo trimestre do ano en cores rechamantes (amarelo, azul ceo, negro, maxenta e branco) a un prezo duns 72 dólares e en modelos para 1 ou 2 tarxetas SIM, sendo a súa característica máis rechamante a incorporación dun botón dedicado a WhatsApp.
O Nokia Asha 210 tamén conta cun teclado QWERTY, polo que o uso de WhatsApp será especialmente cómodo neste dispositivo que tamén pode acceder a Facebook, Twitter e Gmail, converténdose no que algúns poderían ver como un BlackBerry para as masas. O móbil inclúe unha cámara de 2 Mpíxeles con función de auto-retrato (asistido por voz) e de edición rápida (para poder compartir as imaxes rapidamente nas redes sociais).
Para reducir o consumo de datos no móbil ou simplemente poder funcionar en redes que non vaian a toda a velocidade que fose desexable, o Nokia Asha 210 tira proveito do Nokia Xpress Browser, que comprime os contidos na web nos servidores de Nokia para reducir o tráfico de datos ata un 90%.
Este novo móbil conta con conectividade GSM/EDGE, Wi-Fi e Bluetooth 2.1, ten unha pantalla de 2,4 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, un grosor de 11,8 milímetros e un peso de 97,3 gramos, que completa as súas funcionalidades coa posibilidade de empregar WhatsApp directamente dende a súa axenda telefónica, notificacións de chat en pantalla para non perder ningunha conversa e incluso a posibilidade de ver vídeos de YouTube.


Vídeo de presentación do Nokia Asha 210

A segunda SIM do Nokia Asha 210 é de doado acceso, para facilitar o seu intercambio

PUBLICIDADE