O Note7 volverá ao mercado coreano o vindeiro venres

luns, 3 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Hai algo máis de tres meses Samsung explicou os seus plans de reciclaxe dos Samsung Galaxy Note7 retirados do mercado, entre os que estaba á posta á venda dunha serie limitada de smartphones aos que teríase retirado a súa batería de 3.500 mAh para substituíla por outra de 3.200 mAh, evitando así os seus problemas incendiarios, e hoxe confirman que estes teléfonos sairán á venda o vindeiro venres día 7 a un prezo de 699.600 wons (535 euros).
Este novo smartphone venderase co nome de Galaxy Note Fan Edition, deixando claro que estamos ante un produto especial, que pretende satisfacer a demanda dos amantes da gama Note de Samsung, que agora poderán facerse con este atractivo teléfono a un prezo un 30% inferior que o de lanzamento, de xeito que tanto será un produto recomendable tanto para os que non queiran esperar ao lanzamento do Samsung Galaxy Note 8 (previsto para a volta do verán) como para os que non queiran pagar o seu prezo completo (xa que o novo teléfono podería ser unha especie de Samsung Galaxy S8+ con dobre cámara traseira e stylus, de xeito que o seu prezo podería estar perigosamente próximo aos mil euros).
Por desgraza, polo momento o Galaxy Note Fan Edition ten a súa distribución limitada a Corea do Sur, e aínda que está previsto que chegue a máis mercados, aínda non se anunciou os países nos que se distribuirá oficialmente.

O Galaxy Note Fan Edition estará dispoñible en varias cores (negro, azul, prata e ouro)

PUBLICIDADE