O Observatorio da Cultura do CCG confirma un avance importante das TIC entre a nosa cativada

xoves, 30 de xuño do 2022 S. P.

As novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) están cada vez máis presentes nas nosas vidas, especialmente entre a cativada, onde acada cotas de “uso elevado” en materia de acceso a contidos. Así o certifica o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, que no seu recente documento de traballo (Cultura e tecnoloxías da información e comunicación 2022) recórdanos que cada temos no fogar máis dispositivos tecnolóxicos, e non só iso, senón que lles damos máis uso.
O estudo analiza o grado de equipamento e o seu uso e constata que medrou o número de fogares galegos que contan cun computador (dun 72% ao un 74,3%,), que aumentaron as conexións a Internet (o 93,3% das vivendas teñen Internet), que o móbil é o dispositivo máis frecuente e que usamos a tecnoloxía para enviar mensaxes, ler novas, xornais e revistas.
O informe, que analiza datos recollidos en 2021, apunta tamén “que os máis novos usan con frecuencia as TIC, aínda que a rapazada galega faino menos que a media española”. O estudo tamén chama a atención sobre o feito de que os que contestaron en galego á enquisa amosan “un comportamento homoxéneo e diferenciado”.
Amais, “un 78,7% dos fogares galegos conta con algún tipo de ordenador, un 93,3% dispón de acceso a Internet e un 52,3% da poboación galega mercou algo na Rede”, di nas conclusións o informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega segundo os datos da Encuesta sobre Equipamiento y Uso de Tecnologías de la Información y Comunicación en los Hogares.
Porén, o dito servizo do CCG destaca que aínda que os datos son moi positivos, “son porcentaxes lixeiramente inferiores á media estatal”.
Por outra banda, o estudo constata que se triplicou o uso das vídeo-chamadas en 2021 e que realizar operacións bancarias por Internet ocupa o sexto lugar de uso dos galegos e galegas (cun 74,9%), moi por riba da media estatal (69,4%).
O Documento de Traballo tamén constata a importancia da idade no uso das TIC: o 90,7% da rapazada galega de entre 10 e 15 anos utilizou o ordenador en 2021, un 96,5% accedeu a Internet e un 58,7% dispón de teléfono móbil. “Ese uso”, explícase no informe, “mantívose estábel nos últimos 5 anos, con taxas elevadas que superan o 95%; porén, hai indicadores que amosan en 2021 unha baixada da taxa de nenos e nenas con móbil (reduciuse en 11 puntos porcentuais con respecto a 2017 e 6 con respecto a 2020) e no uso do ordenador nos últimos tres meses”.
O Observatorio da Cultura tamén salienta que o teléfono móbil (44,7%) é o principal dispositivo de acceso a Internet, seguido do ordenador fixo (27,2%) e do ordenador portátil (23,4%). “O exceso de publicidade, a falta de seguridade, a velocidade, a privacidade ou a confidencialidade son os principais problemas para os usuarios galegos”, explícase na investigación acerca das nosas máis destacadas preocupacións tecnolóxicas.
Respecto do noso comportamento, as cifras amosan “un uso intenso das redes sociais”. Deste xeito, sinálase, “un 84% das persoas que residen en Galicia accederon a algunha rede social o día anterior a seren enquisados e a maioría pasa entre 15 minutos e unha hora”.
O consumo: do audiovisual á prensa
Ver películas e series en liña está entre as actividades máis realizadas polos usuarios e usuarias galegas, despois de consultar a previsión meteorolóxica, ou ler noticias de actualidade. Ese consumo audiovisual realízase primeiramente a través de plataformas de pagamento (un 66,7% da poboación galega, 1,4 por riba da media española) e, segundo, polo uso de canles como Twitch, Youtube ou TikTok. En torno a un 27,5% de internautas dedica máis dunha hora ao dia a ver vídeos online. O Observatorio da Cultura tamén pon o foco nas consecuencias negativas que teñen os novos hábitos para as canles tradicionais de acceso aos contidos. Así, “unicamente un 27% acudiu a algunha sala de cine ultimamente”, explícase.
A televisión e a radio son medios que se consumen máis polas canles de difusión tradicional entre os internautas, “porén non acontece o mesmo coa lectura de xornais, xa que a preferencia é a facelo en liña”, infórmase no estudo, engadíndose que “con todo, seis de cada dez internautas galegos continúan lendo o xornal en papel con maior ou menor frecuencia, unha proporción superior á do conxunto de España”.
A enquisa tamén amosa que un 17% dos usuarios escoita podcasts. Neste punto, o informe destaca que “a porcentaxe de residentes en Galicia que escoitan podcasts entre 15 e 30 minutos e entre dúas e catro horas é superior á media de España”.
Compras de produtos culturais
Ademais, ofrécense datos sobre as compras en Internet de produtos culturais. Os produtos electrónicos son os máis adquiridos a través da Rede, compras que acadan un 47,7% no conxunto de España e un 55,7% entre a poboación galega. O seguinte produto cultural que se compra por Internet refírese ao ocio, o tempo libre e entradas a espectáculos. No outro extremo está a compra de música, que acada porcentaxes moi baixas tanto no conxunto de España (12,1% como en Galicia (14,3%).
Preferencia por actividades de balde
Outra das tendencias que amosa o informe é que a cidadanía usa maioritariamente actividades de balde. Agás no caso de series e películas, o resto de actividades (música, libros electrónicos, noticias, podcast, radio, televisión)... a tendencia máis maioritaria é a de realizar estas actividades de forma gratuíta.
Ademais, algo máis da metade dos internautas galegos xoga a videoxogos, mesmo un 8,7% se considera un xogador avanzado e un 5,2%, experto, porcentaxes algo superiores á media de España. Entre a poboación xogadora, un 17,3% seguiu ademais algunha competición de videoxogos/eSports. Por páxinas, lavozdegalicia.es, xunta.gal, farodevigo.es, meteogalicia.gal e zara.com ocupan os primeiros postos das web máis visitadas polos internautas galegos.
Emprego do galego
Neste traballo tamén se investigou se existía algunha diferenza entre aqueles internautas residentes en Galicia que prefiren o idioma galego para responder a enquisa e o resto da poboación. Os resultados indican “que se trata dun perfil de persoas que dedican máis tempo a participar en redes sociais, a seguir youtubeiros e a escoitar música en streaming”. Tamén len en maior medida blogs, compran máis produtos culturais na Rede e visitan con máis frecuencia webs de orixe galega. Pola contra, consumen menos televisión convencional. Destaca tamén o dato de que entre estes usuarios que prefiren o galego, un 12,5% considera que o idioma é un dos principais problemas no uso de Internet, unha porcentaxe moi superior á que perciben os demais internautas, e “que podería interpretarse como un indicador de demanda de contidos en galego”, explícase no informe do CCG.

PUBLICIDADE