O Padriño II terá en febreiro xogo para Xbox 360, PS3 e PC

mércores, 20 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O xogo baseado na película O Padriño pasou sen pena nin gloria polas tendas de videoxogos e quioscos os dous pasados anos (para distintas plataformas), pero Electronic Arts quere continuar a explotar a franquicia cinematográfica, e anuncia que para febreiro de 2009 teremos a adaptación de O Padriño II, xogo que cambiaría bastante con respecto da anterior entrega mesturando estratexia e acción.
O futuro xogo xa ten páxina web oficial e trailer, e situará ao xogador no mundo co crime organizado en 1960, distribuíndose a acción entre Florida, Cuba e New York, sendo esta última cidade da que se toma o papel de Don por encargo de Michael Corleone. Os xogadores poden así iniciar negocios de extorsión, monopolizar o crime organizado e derrotar a novas familias que vaian xurdindo.
Como innovación teremos a Vista de Don, que achega unha perspectiva na que podemos observar como medra o negocio familiar, o que resulta útil para espallar as actividades á vez que se teñen vixiados os movementos das familias rivais.


Trailer do xogo baseado en O Padriño II

PUBLICIDADE