O Poder Xudicial lanza un comunicado para desmentir as afirmacións de LaLiga

luns, 11 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O presidente de LaLiga mentindo sobre o alcance do auto do Xulgado do Mercantil nº 8 de Barcelona

A semana pasada saltou a nova dunha operación contra a piratería audiovisual na que LaLiga conseguiu autorización xudicial para solicitar a identificación dos titulares de certas liñas de acceso á Internet aos seus operadores, sobre o que difundiuse moita disinformación por parte de LaLiga, entidade que manifestou aos medios que iso facultábaos para emprender accións legais contra particulares que consumían fútbol pirata.
Non se trataba dunha mala comprensión do auto xudicial, senón que o propio presidente de LaLiga, Javier Tebas Medrano, mentía descaradamente en televisión asegurando que «as telecos deste país están na obriga de dar a LaLiga os clientes que se conecten aos enderezos IP onde se retransmite fútbol ilegal» e só matizaba que non era correcto falar de multas xa que estaban ante «unha reclamación de danos e prexuízos».
A divulgación masiva de tales falsidades levou a que o Poder Xudicial tivese que lanzar un comunicado oficial no que se daba a coñecer o auto mencionado, deixando claro que o que se autorizou foi a identificación dos cardsharers que redifunden a terceiros o sinal dos partidos de fútbol propiedade de LaLiga e que obteñen lucro con tal actividade.
Ou sexa, que de ningún xeito LaLiga pode solicitar a identificación de particulares que consumen contidos de xeito irregular, senón que só poden actuar contra as persoas que contratan un servizo de televisión de pagamento para ofrecelo a terceiros sen autorización, entendendo que tal operación ten ánimo de lucro.