O Portal da Lingua achéganos á nosa cultura tradicional da man de Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo

martes, 20 de abril do 2021 S. P.

O Portal da Lingua está a consolidar dende o inicio da pandemia uns obxectivos previamente marcados que xa viñan deixando pegada: converterse nun dos principais referentes online en materia de contidos culturais en galego. Estes días recibiu novas e interesantes incorporacións. Por exemplo o vídeo-clip Cantar do liño e Maneo de Xaviña presentado este 19 de abril polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O novo contido forma parte dun proxecto musical conxunto para poñer en valor a nosa tradición máis arraigada.
Así o fixeron saber o propio Valentín García e máis os músicos Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo na presentación de Cantar do liño e Maneo de Xaviña, realizado ao abeiro da primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia e avance do proxecto musical conxunto desta banda para poñer en valor a tradición cultural, lingüística e patrimonial galega desde a música, a danza, o patrimonio arquitectónico ou a paisaxe.
Valentín García indicou que se trata dun traballo “moi coidado, especialmente elaborado e que amosa unha gran sensibilidade polo patrimonio material e inmaterial de Galicia”, desde a escolla das localizacións ao paso do Camiño de Santiago ata a recollida e posta en valor das manifestacións artísticas, canto e danza, propias.
Como dixemos, o vídeo-clip xa se pode ver no Portal da Lingua Galega e constitúe un avance do proxecto musical conxunto que teñen en marcha Davide Salvado (canto e percusión), Fransy González (canto e percusión) e Cibrán Seixo (violín e produción musical), coa participación de Daniel Pardo (guión e danza). A peza foi filmada baixo a dirección técnica de Goluboff Studio na Comarca da Ulloa, ao pé do Camiño de Santiago, e está ambientada en localizacións e monumentos arquitectónicos de gran relevancia simbólica e histórica, como a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas (Palas de Rei) ou o cruceiro de Lameiros e a carballeira de Airexe (Monterroso).
O proxecto Cantar do liño e Maneo de Xaviña forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) puxo en marcha ao abeiro do seu Plan de reactivación do sector cultural ao inicio da pandemia da COVID-19 e cuxa segunda edición arrancou o pasado mes de marzo para que as empresas, entidades e profesionais culturais, turísticos e lingüísticos presentasen os seus proxectos para o ano en curso.

PUBLICIDADE