O Porto de Vigo acolle esta semana unha xornada sobre o seu revolucionario proxecto 5G

mércores, 18 de maio do 2022 S. P.

O Porto de Vigo vai dar esta semana un paso decisivo na súa transformación nunha contorna segura, conectada e monotorizada con tecnoloxías intelixentes. En concreto acollerá este xoves 19 (ás 17.00 horas) a demostración de uso da súa rede 5G que inclúe un sistema avanzado de vixilancia, un despregue de drons con cámaras de moito alta resolución, e a aplicación de técnicas de análise de intelixente de vídeo para detectar a presenza de persoas en zonas non autorizadas (técnicas con capacidade de xerar alarmas en tempo real de xeito automático). Este piloto foi desenvolvido pola operadora de telecomunicacións Orange, o centro galego Gradiant e o fabricante Ericsson.
A demostración contará coa asistencia de diversos representantes da Xunta de Galicia, de Red.es, da autoridade portuaria e das empresas desenvolvedoras.
As vantaxes da 5G
En palabras de Orange, este sistema aproveita as vantaxes da rede 5G para “mellorar e estender a cobertura das comunicacións entre as aeronaves non tripuladas e o centro de control en terra, ademais de optimizar a transmisión de imaxes”. Amais, engade a compañía, o uso de Intelixencia Artificial para a análise de vídeo permitirá a ese sistema de seguridade detectar persoas non autorizadas e xerar avisos en tempo real que alerten ao centro de control de posíbeis intrusións. “Grazas á rede 5G conséguese unha latencia mínima e unha gran fiabilidade para a transmisión de datos, dous parámetros esenciais para a toma de decisións autónomas en operacións con drons”, apunta Orange, poñendo o foco noutro dos puntos fortes do sistema: a súa capacidade para explotar as capacidades de computación das redes 5G, a través do Multi-access Edge Computing (MEC, un servidor situado moi próximo á rede) que permiten reducir a latencia no procesado de imaxe fronte a unha solución despregada na nube.
Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a través da UTE formada por Cinfo, Orange, Gammera Nest e Optare Solutions.
Quen queira máis información do proxecto tena na web habilitada pola operadora arredor dos proxectos 5G da nosa terra.

PUBLICIDADE