O Premio Ideas con Valor recae nunha aplicación móbil para pedir taxis

mércores, 21 de decembro do 2011 Raquel Noya

Este martes foi presentado en Vigo o Programa de Formación Integral para o Emprendemento, organizado pola Cátedra Bancaja Xoves Empendedores en colaboración coa Área de Emprego da Universidade de Vigo e BIC-Galicia, para apoiar á xente emprendedora do noso país e darlle pulo á creación das súas propias empresas e negocios de éxito.
No transcurso deste acto de apertura do devandito Programa, ao que asistiron, entre outros, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, fíxose entrega do 1º Premio Ideas con Valor, que recaeu en José Iglesias, alumno de 4º de Enxeñería Industrial.
Iglesias seduciu ao xurado con Izytaxi, unha aplicación para móbiles de última xeración e tablets que xestiona as peticións de taxi sen necesidade de realizar chamadas telefónicas, polo que, na súa opinión, “é de moita utilidade para persoas xordas ou mudas”.
Aínda que a idea está en fase de deseño, José Iglesias, que tamén estuda Administración e Dirección de Empresas na UNED, non descarta poñela en práctica, “porque a crise non debe frear as boas ideas”, asegura.
A directora da Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores, Ana Gueimonde e o director da Área de Emprego, Ignacio Armesto, foron os encargados de presentar algunhas das iniciativas deseñadas para formar ao alumnado neste eido. Entre elas, o devandito Programa de Formación Integral para o Emprendemento, que inclúe formación en autoemprego en contornas cooperativas e colaborativas; e a iniciativa 7 meses 7 experiencias, para achegar os universitarios á realidade dos empresarios.
Asemade, nesta xornada, os matriculados puideron asistir ao relatorio de Daniel Cerqueiro, ex alumno da Universidade de Vigo, que lles presentou a súa aposta empresarial Galinus, a empresa tecnolóxica que fundou en Corcubión.

PUBLICIDADE