O Samsung Gear S incorpora conectividade 3G como signo diferenciador

xoves, 28 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Continúa a febre polos smartwatches, e Samsung segue a diversificar a súa oferta de dispositivos deste tipo, presentando agora o Samsung Gear S, que amplía a experiencia engadindo ao seu dispositivo conectividade 3G, de xeito que este reloxo con pantalla Super AMOLED curva de 2 polgadas pode conectarse non só a través de Bluetooth e Wi-Fi, senón tamén a través de banda larga móbil, de xeito que poden recibirse notificacións de aplicacións, calendarios e redes sociais aínda que o reloxo estea lonxe dun smartphone.
O Samsung Gear S permite responder mensaxes dende o seu teclado en pantalla, ou mediante ordes de voz, permitindo incluso recibir chamadas telefónicas directamente dende o pulso ou recibir chamadas a través dun smartphone. Este novo trebello tamén busca ser un asistente para o deporte e a saúde, grazas aos seus sensores, o GPS e as funcións S Health, que en combinación con aplicacións como Nike+ Running poden contribuír á motivación na práctica deportiva sen ter que cargar cun smartphone como acontecería con outros smartwatches.
Este novo reloxo conta cunha pantalla Super AMOLED de 2 polgadas cunha resolución de 360 x 480 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi N, GPS, Bluetooth 4.1, USB 2.0, acelerómetro, xiroscopio, compás, pulsímetro, barómetro, sensor de luz ambiental, sensor ultravioleta, batería de 300 mAh (que permitiría uns 2 días de autonomía) e sistema operativo Tizen. Está previsto que chegue ao mercado en outubro.

O Samsung Gear S quere ser un bo substituto dos reloxos deportivos
O Gear S estará dispoñible en cores branca e negra

PUBLICIDADE