O Snapdragon 888 será o motor dos móbiles insignia con Android en 2021

martes, 1 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Estes días está a celebrarse o Qualcomm Snapdragon Tech Summit Digital 2020, encontro virtual no que dan conta das últimas novidades da familia Qualcomm Snapdragon, ou sexa, facendo oficial que o novo procesador que liderará o mercado de móbiles a primeiros de 2021 será o Snapdragon 888, que ofrecerá a solución máis avanzada de conectividade 5G, avanzará no uso da intelixencia artificial, potenciará o aproveitamento da fotografía computacional, ofrecerá grande potencia para os xogadores máis esixentes e tamén apostará polas conexións Wi-Fi máis rápidas da industria móbil.
A compañía decidiu que un bo xeito de dar a coñecer as bondades da plataforma Snapdragon 888 era amosar unha carreira de coches a control remoto dende o móbil con conectividade mmWave (tipo de comunicación 5G promovida principalmente por Verizon nos EE.UU., da que aínda non hai plans para a súa implantación europea). Nesta demostración os usuarios manexaban os vehículos a máis dunha milla de distancia, podendo ver en directo en vídeo o que estaba a acontecer e valéndose da baixa latencia desta tecnoloxía para ter un control preciso en tempo real, ilustrando o que poderá permitir a 5G no futuro.
Aínda que Qualcomm insiste en que os Snapdragon 888 estarán presenten en móbiles de moitos fabricantes, aproveito o seu evento para darlle prioridade a Xiaomi, xa que o Mi 11 será un o primeiro móbil do mercado en contar co novo procesador, dando a entender que veremos o novo móbil insignia da marca chinesa bastante pronto, xa que en 2021 os fabricantes non agardarán ao Mobile World Congress de Barcelona para presentar a primeiras novidades, dado que a feira non se celebrará en febreiro, optando por adiar a súa celebración até finais de xuño confiando nunha situación sanitaria máis segura.

Vídeo coa presentación do primeiro día co congreso virtual de Qualcomm

PUBLICIDADE