O Toki de Switch terá unha edición para coleccionistas

luns, 9 de xullo do 2018 Marcus Fernández

En abril confirmouse que finalmente o remake en alta definición de Toki que estaba a desenvolver Golgoth Studio, despois de numerosos adiamentos, vería a luz nunha plataforma que o público non esperaba, Nintendo Switch, pero finalmente confírmase que este lanzamento será moito máis especial do que esperabamos, xa que contará cunha edición para coleccionistas realmente atractiva.
O novo Toki chegará a Nintendo Switch o 22 de novembro, permitindo rememorar o clásico das máquinas recreativas de 1989 con gráficos completamente redebuxados a man e banda sonora reosquestrada, ou sexa, un produto con aparencia moderna, pero conservando a esencia do clásico. Teremos así que camiñar, saltar, nadar, trepar e mesmo cuspir para ir derrotando a numerosos inimigos para rescatar á súa amada Miho.
Pero, como dixemos, o máis abraiante deste remake é a edición para coleccionistas, que incluirá o xogo de Switch, unha litografía exclusiva de Phlippe Dessoly (ilustrador do xogo, quen xa participara na súa versión para Commodore Amiga), unha banda deseñada (tamén de Dessoly), unha lámina de adhesivos e, como grande sorpresa, unha máquina recreativa de madeira na que colocar a consola, para homenaxear dun xeito maxistral o xogo orixinal.
Aínda que esta Edición Retrocollector podería ser un produto cun prezo elevado, semella que non será así, pois a cadea de tendas GAME xa permite a súa reserva por 44,95 euros, polo que custaría menos que moitas edicións estándar de xogos para Switch.

A Edición Retrocollector de Toki para Nintendo Switch incluirá numerosos contidos adicionais

PUBLICIDADE