O VLC inicia o soporte de contidos en 360 graos

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Un dos reprodutores multimedia máis populares a nivel mundial, por facilitar a reprodución dos formatos de audio e vídeo máis populares sen ter que andar pendente dos seus codecs, e incluíndo soporte de varias pistas de audio e de subtítulos, o VLC, vén de unir forzas con Giroptic para converterse na primeira grande aplicación deste tipo en incorporar de serie a capacidade de reproducir vídeos en 360 graos.
Esta versión preliminar responde ao nome de VLC 360, e as prestacións que incorpora (reprodución de vídeo e imaxes en 360 graos, modos de visualización con zoom, little planet e little planet invertido, e control con rato e teclado) formarán parte da versión definitiva de VLC 3.0 para todas as súas plataformas (incluíndo as que contan con cascos de realidade virtual), de xeito que para o ano que vén o vídeo envolvente será moito máis doado de consumir en equipos informáticos.

PUBLICIDADE