O Xigante, mellor curta de animación no Festival de Brasilia

mércores, 3 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Xigante, produción galega realizada con técnicas de animación 2D e 3D, vén de obter o Premio do Xurado Popular ao mellor curta de animación no Festival de Brasilia, na súa edición número 45. A peza premiada, que vén da man de Abano Producións, foi distinguida polo seu acabado estético e por ter sido quen de abranguer, nunha obra de breve duración, os múltiples detalles dunha cuestión á que todas e todos estamos abocados: medrar. O punto de vista que achega é ante todo positivo: crecer é unha viaxe fantástica.
Segundo informan dende Abano, O Xigante simboliza “o corazón de tódolos pais, homes e mulleres que, a través do seu ollar, revelan o mundo aos seus fillos axudándolles a construír o seu universo, a trazar os seus camiños e a corrixir calquera desvío no magnetismo do seu compás”. O filme, estreado o pasado mes de marzo, colleitou importantes éxitos e galardóns no certame Curtocircuíto de Santiago, AnimaBasauri, Festival de Cans (Premio á Mellor Curta de Animación), Divercine 2012 ou o Festival de Tofuzi (Georgia). Ademais, xa foi seleccionado para exhibirse en Los Ángeles, dentro do ciclo Recent Spanish Cinema Series.

PUBLICIDADE