O Xogos Olímpicos de Pequín poderanse seguir intensivamente a través da Rede

venres, 8 de agosto do 2008 Marcus Fernández


Visión tridimensional dos estadios olímpicos presentada por Google

Hoxe comezaron oficialmente os Xogos Olímpicos de Pequín, nunha edición que destacará especialmente polo seu aproveitamento multimedia, pois aparte de poder seguirse por prensa, radio e televisión, a Internet está a xogar un papel moi especial con multitude de plataformas de vídeo que permiten ver os Xogos en directo e diferido.
Dúas das plataformas máis importantes para seguir as Olimpíadas son NBCOlympics.com (que porá a proba a tecnoloxía Silverlight de Microsoft) e YouTube, pero que contan con restricións xeográficas de xeito que dende España non se poden consultar sen empregar certos trucos (que van dende o uso de proxies ata a simple modificación das cookies do navegador web); pero a cousa non queda aí, senón que Google tamén estreou unha selección de mapas que permiten a consulta das medallas repartidas entre os distintos países participantes ou a situación dos distintos eventos e estadios (que incluso se poden ver en 3D):


Google tamén permite consultar os resultados deportivos dende o móbil dun xeito moi directo, aínda que desafortunadamente a web central de Google para o seguimento dos Xogos non está dispoñible dende España.
Os que queiran buscar outras fontes de información sobre os xogos, para seguilos dende a Internet, poden acceder a un wiki creado dende a revista Wired na que detallan as distintas webs que ofrecen retransmisións en vivo dos Xogos e os mellores momentos, aínda que son espazos de orientación internacional, sendo de xustiza destacar que dende a nova web de RTVE tamén hai bastante información sobre as Olimpíadas de Pequín (superando en poucas horas os 80 clips de vídeo). No wiki comentado tamén detallan solucións baseadas en tecnoloxía P2P para seguir en directo as retransmisións deportivas, que xa son moi populares en España porque usuarios que gustan de seguir os partidos de fútbol que en España se emiten en plataformas de televisión de pago sen ter que pasar por caixa.
Para os que non queiran complicarse, a canle chinesa CCTV-5 ofrece a través da Internet un stream de Windows Media a 300 Kbps que permite seguir as Olimpíadas durante as 24 horas, aínda que a calidade deste sinal non é o máis axeitado para todos os deportes.

A Fundación Deporte Galego nos informa na web da participación nos xogos de 12 galegos

Galicia tamén estará nos Xogos

Aínda que cunha tímida presenza, 12 galegos participarán nos Xogos Olímpicos de Pequín, tendo bastantes opcións de facerse con algunha medalla (especialmente en triatlón, vela e piragüismo) polo que a Fundación Deporte Galego decidiu abrir unha páxina web chamada Galiza Olímpica dende a que fan un seguimento de Tamara Abalde, Alessandra Aguilar, David Cal, Fernando Echavarri, Xavier Gómez Noya, Sonia Molanes, Antón Paz, Santiago Pérez Alonso, Carlos Pérez Rial, Tareixa Portela, Iván Raña e David Gómez, que forman o equipo olímpico galego.
Lembremos que David Cal xa se fixo en Atenas coa primeira medalla de outro para un galego nunha proba olímpica individual, e agardemos que nesta edición dos Xogos algún outro galego traia medalla para casa.

PUBLICIDADE